Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Localización | ||||
División administrativa | Peñafiel, España e Padilla de Duero, España | |||
| ||||
Características | ||||
Ben de interese cultural | ||||
Data | 9 de decembro de 1993 | |||
Identificador | RI-55-0000166 | |||
Pintia é o nome dunha antiga cidade vaccea, situada na localidade de Padilla de Duero (Peñafiel), na actual provincia de Valladolid.
Os vacceos foron os primeiros poboadores asentados no centro do Val do Douro e no curso baixo do Pisuerga, nunha zona que englobaría a actual provincia de Valladolid, boa parte da de Palencia e zonas das provincias de Zamora, Segovia e Ávila. En 1993 foi declarado Ben de Interese Cultural como zona arqueolóxica.
Os vacceos eran un pobo celta proveniente do norte de Europa que chegou en diversas ondadas a esta zona. Fundaron varias cidades (Pallantia, Pintia) que tiñan un goberno autónomo ata ser case cidades-estado, pero sen perder as relacións coas cidades irmás do seu ámbito. Tan grande era a irmandade das cidades, que os vacceos axudaron os arévacos de Numancia durante o asedio ao que foron sometidos polos romanos. Precisamente por esta axuda, os invasores romanos atacaron as cidades vacceas tras someter Numancia. Ao cabo dos anos Pintia remataría romanizada coma os restos dos pobos ibéricos.
Durante anos, pensouse que Valladolid era a antiga Pintia; non obstante, nin as distancias viarias nin a arqueoloxía da propia cidade así o mostraban. As escavacións arqueolóxicas que se veñen realizando en Padilla de Duero descubriron un importante núcleo de poboación que foi identificado como a súa posible localización.
A zona arqueolóxica consta de tres partes diferenciadas: A cidade no lugar de "Las Quintanas", o lugar de enterramento ou necrópole de "Las Ruedas" e o barrio oleiro de "Carralaceña". En "Las Quintanas" descubriuse que a cidade foi destruída por un incendio. Posteriormente os visigodos da zona instalaron a súa necrópole sobre a antiga cidade vacceo-romana. Na necrópole de "Las Ruedas" encontráronse ricos enxovais de guerreiros, mulleres, nenos... Por outro lado, xa no termo da próxima localidade de Pesquera de Duero encóntrase o barrio artesán de "Carralaceña", situado ao outro lado do río Douro, para evitar que por un accidente sobrevido durante o proceso de cocción da cerámica, o lume se puidese propagar ao núcleo de poboación principal. Este barrio oleiro unido a Pintia por un vao no río Douro contaba ademais coa súa propia necrópole ou lugar de enterramento. Os fornos encontrados aquí son únicos en Europa, polas súas dimensións e cronoloxía, pero non se poden visitar porque a Xunta de Castela e León non considerou rendible a súa restauración e posta en valor.[Cómpre referencia]
A permisividade institucional e a falta de apoio aos proxectos de escavación supuxo a destrución parcial do poboado coa plantación de viñedos.[Cómpre referencia] A Universidade de Valladolid encárgase actualmente da recuperación do poboado e do seu estudo. Parte do material exhumado pódese contemplar no Museo de Valladolid.