Pioneer 1 / Able 2 | |
---|---|
Pioneer 1 | |
Tipo | Científico |
Organización | NASA, USAF |
Destino actual | Reentrado na atmosfera.[1] |
Data de lanzamento | 11 de outubro de 1958, 8:42 GMT[2][3] |
Foguete portador | Thor-Able[1][4] |
Sitio de lanzamento | Base espacial de Cabo Cañaveral[1][5] |
Obxectivo da misión | Estudo da Lúa.[1][5] |
Decaemento | 13 de outubro de 1958, 3:46 GMT[1][2] |
NSSDC ID | 1958-007A |
Masa | 34,2 kg[4] |
Dimensións | 76 cm de altura, 74 cm de diámetro |
Baterías | Níquel-cadmio para a ignición dos foguetes, de prata para a cámara e de mercurio para o resto de sistemas.[1] |
Pioneer 1, denominada tamén como Able 2, foi unha sonda espacial que se intentou lanzar cara a Lúa por parte dos Estados Unidos de América.[1][4][5]
Pioneer 1 foi lanzada o 11 de outubro de 1958 mediante un foguete Thor-Able desde a base espacial de Cabo Cañaveral cara a Lúa, pero a segunda fase do foguete non xerou suficiente impulso e a nave acadou unha traxectoria suborbital que a levou a só un terzo da distancia á Lúa antes de volver a caer á Terra.[1][4][5]
A orixe da Pioneer 1, xunto coas súas irmás Pioneer 0 e Pioneer 2, está na aprobación en 1958 por parte dos Estados Unidos do primeiro plan para exploración lunar que deu lugar a cinco proxectos da Advanced Research Project Agency: tres xestionados pola USAF e dous polo Exército. O proxecto das Pioner luares foi transferido á NASA moi pouco despois da creación da axencia aeroespacial e a Pioneer 1 foi lanzada cara a Lúa tan só dez días despois da súa fundación.[1][4][5]
A misión orixinal de Pioneer 1 era facer unha viaxe ata a Lúa e unha vez alí frear e entrar en órbita para facer medicións científicas, pero debido a unha falta de potencia da segunda etapa do foguete lanzador a órbita prevista converteuse unha traxectoria suborbital cun apoxeo de 113.800 km e que finalizou coa reentrada da nave na atmosfera terrestre ás 3:46 GMT do 13 de outubro de 1958. Intentouse usar o motor de frenada da sonda para polo menos poñer a nave en órbita terrestre, pero debido á baixa temperatura das baterías o foguete non se acendeu. Durante o voo os instrumentos de a bordo realizaron as súas medicións facendo algo de ciencia útil, descubrindo que a radiación arredor da Terra repártese formando bandas e medindo a súa extensión, cartografiando o fluxo ionizante, facendo as primeiras observacións de oscilacións hidromagnéticas no campo magnético terrestre e tomando as primeiras medidas da densidade de micrometeoritos e do campo magnético interplanetario.[1][4][5]
A estrutura da nave, de fibra de vidro, tiña forma de dous conos truncados unidos pola base mediante un cilindro baixo, cun conxunto de oito pequenos foguetes e unha antena dipolo nun dos extremos e un foguete de 13,3 kN de impulso no outro extremo, baseado no mísil aire-aire Falcon. Este último foguete tiña como misión frear a sonda ao seu paso pola Lúa para entrar na súa órbita. A nave tiña pintado un patrón de bandas brancas e escuras para como control térmico pasivo e a alimentación eléctrica era proporcionada por un conxunto de baterías de níquel-cadmio para a ignición dos foguetes, de prata para a cámara e de mercurio para o resto de sistemas. As transmisións terían lugar na frecuencia de 108,06 MHz para telemetría e medicións Doppler e a recepción de ordes desde a Terra faríase na frecuencia de 115 MHz. A nave estabilizaríase mediante xiro a 1,8 revolucións por segundo. En total, a sonda tiña unha altura de 76 cm, un diámetro de 72,5 cm e un peso de 38,1 kg.[1][4][5]
A nave contaba coa seguinte instrumentación científica, totalizando 17,8 kg de masa:[1][4][5]
Determinouse que a causa da perda de pulo da segunda etapa foi unha válvula configurada incorrectamente que fixo que á súa vez un acelerómetro proporcionase información falsa, causando unha lectura errónea na velocidade dos gases de escape e levando a que o foguete se apagase 10 segundos antes do previsto.[1][4][5]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pioneer 1 |