O termo pleomorfismo utilízase en histoloxía e citopatoloxía para describir a variabilidade en tamaño, forma e tinguidura das células dun tecido e dos seus núcleos.
O pleomorfismo é característico de neoplasmas malignos, e da metaplasia. Porén, certos tipos (benignos) de células poden presentar tamén pleomorfismo, por exemplo, células neuroendócrinas ou na reacción de Arias-Stella.
As células anaplásticas[1] de tumores mostran un marcado pleomorfismo. Os seus núcleos son caracteristicamente moi hipercromáticos, polo que se tinguen moi escuros, e son moi grandes. A relación núcleo-citoplasma pode aproximarse a 1:1 en vez das máis normais 1:4 ou 1:6. Poden orixinarse células xigantes, que son considerablemente maiores ca as súas veciñas e que posúen enormes núcleos ou varios núcleos (sincitios), os cales son variables e raros en forma e tamaño, con cromatina espesa e agrupada e grandísimos nucléolos.
Un exemplo de tumor no que se observan claramente estes cambios nas células é o carcinoma de célula xigante de pulmón.[2]
Na reacción de Arias-Stella as células do endometrio uterino sofren unha serie de cambios, que aparentan ser cancerosos, pero que son benignos, e que se caracterizan polo agrandamento dos núcleos celulares e con frecuencia membranas nucleares irregulares, cromatina granular, vacuolización centronuclear, e inclusións pseudonucleares[3].
Cando se producen danos no epitelio da córnea con perda de células endoteliais, as células desprázanse en dirección á área lesionada para encher aquel espazo, aumentando o seu tamaño e tamén alterando a súa forma (pleomorfismo), o que ten como resultado a reparación da lesión.