O plygain é un servizo relixioso propio do día de Nadal en Gales, celebrábase, e nalgunhas aínda se celebra, nas igrexas parroquiais moi de mañá, entre as tres e ás seis, esta última hora era a máis habitual[1].
Plygain, e as formas arcaicas pylgain e pylgaint[2], procede do latín pulli cantus (canto do galo) [3].
O plygain ten a súa orixe nun oficio matinal ordinario que se celebraba no século XVI pero que logo da Reforma protestante acabou ocupando o lugar da misa católica da media noite, a misa do galo e na que se introduciu tras a tradución da Biblia ao galés o canto de panxoliñas nesa lingua. Celebrouse en todo o país de Gales, e foi das poucas cerimonias tradicionais que seguiron a manter as igrexas non conformistas, moi fortes en Gales. Nalgunas comarcas celebrábase nos templos católicos, ás que asistían tamén o pastor e os fregueses protestantes[4]. Na maior parte de Gales o plygain deixou de se celebrar a fins do século XIX, aínda así mantívose nalgunhas parroquias, especialmente no Val de Tanat[5], e noutras reintroduciuse modernamente, no caso da Igrexa en Gales, a igrexa anglicana de Gales, polo labor de Enoid Morgan e Canon Geraint Vaughan Jones [6].
Cada lugar mantiña as súas propias tradicións canto á celebración do plygain, nalgúns lugares adoitánbase facer antes da celebración caramelos de melaza, coñecidos como cyflaith, noutros lugares era típico organizar antes do plygain o cynhwyllau, no que a xente bailaba e cantaba ao son da arpa. Máis común era o costume de iren os fregueses con fachos ou candeas acesas polas aldeas e vilas, nuns lugares desorganizadamente e noutros nunha procesión ordenada acompañando ao párroco ata a igrexa, deixando que eses fachos ou candeas iluminasen a igrexa, o que se converteu nun dos símbolos da celebración, ata o punto que en sitios onde se perdera a celebración do plygain mantívose, non obstante, o costume de decorar a igrexa con candeas no Nadal. Nalgúns lugares, como Llanfyllin, realizábanse candeas especiais para ese día, denominadas canhwyllau plygain.
O servizo do plygain variaba moito dependendo da parroquia, nalgunhas o sacerdote realizaba o sermón, noutras constituía un completo servizo matinal, e noutras a xente comungaba, pero o que a caracterizaba era o canto de panxoliñas, tradicionais ou novas realizadas por poetas locais pero de tema tradicional, cantábanas individuos ou familias, sempre sen acompañamento.