Pobo uru-eu-wau-wau | |
---|---|
Poboación | |
Poboación total: 152 (novembro de 2023)[1] | |
Rexións principais: | |
![]() | Rondonia |
Aspectos culturais | |
Lingua | Lingua uru-eu-wau-wau[2] |
Relixión | animismo |
Grupos relacionados | Pobo juma |
Os uru-eu-wau-wau ou jupaú son un pobo indíxena do Brasil[3] que vive no estado de Rondonia. Os membros deste pobo viven en seis vilas dentro das fronteiras do Territorio Indíxena Uru-Eu-Wau-Wau, que é compartido por outros dous pobos contactados, os amondawa e os uru pa in, estes últimos que falan unha lingua chapacura, así como por pobos non contactados como os jurureí, os parakua e outros dous cuxos nomes non se coñecen.[4]
Os uru-eu-wau-wau chámanse a si mesmos jupaú. Tamén se coñecen (erradamente) como amondauas, bocas-negras, bocas-pretas, cabeça-vermelha, cautários, sotérios, urupain,[1] ou urueu-wau-wau.[5]
Os uru-eu-wau-wau entraron en contacto con non nativos, concretamente a Fundação Nacional dos Povos Indígenas (FUNAI) en 1981,[5] a cal provocou unha perda de poboación. En 1981, había 250 habitantes uru-eu-wau-wau, pero só 89 en 1993. As doenzas e os ataques violentos de persoas foráneas matáronos. Os colleitadores de caucho loitaron contra os límites deseñados pola FUNAI das terras uru-eu-wau-wau. En 1991, un dos maiores xacementos de estaño coñecidos do mundo foi descuberto nas terras dos uru-eu-wau-wau.[5]
Despois de 1993 a súa poboación comezou a aumentar de novo.[4] O Territorio Indíxena Uru-Eu-Wau-Wau foi estabelecido polo goberno brasileiro para protexer as tribos e só os indíxenas poden vivir legalmente no territorio; porén, madeireiros e mineiros invadiron regularmente as súas terras.[6] Os misioneiros están activos entre os uru-eu-wau-wau, e unha ONG chamada Kanindé está tentando loitar contra as influencias externas e os asimilacionistas entre os uru-eu-wau-wau.[5]
Falan uru-eu-wau-wau, unha das noves variedades da lingua kagwahiva, da familia lingüística tupí-guaraní subgrupo VI, pertencente ao tronco tupí.[5] A lingua tamén se coñece como uru-eu-uau-uau, eru-eu-wau-wau, ureuwawau ou kagwahiva, e o seu código de lingua ISO 639-3 é "urz".[2]
Os uru-eu-wau-wau son cazadores-recolectores. Empregan un veleno feito con cortiza de árbores nas súas frechas cando cazan tapires e outras presas. Son coñecidos polas súas distintivas tatuaxes na boca feitas de genipapo, un colorante vexetal negro.[6]