Poher, en bretón Poc'hêr, é un país tradicional da Bretaña coñecido na Alta Idade Media e situado na Bretaña centroccidental, entre as montañas Arrée e as montañas Negras. Tamén foi chamado "Alto Cornualles" e designado, durante varias décadas, polos nomes de País Centro Oeste da Bretaña e Kreiz Breizh en bretón. O pagus Castri ou Paou-Kaer, ou Poher era un pagus, subdivisión da antiga Dumonia (en latín Dumnonia) que designaba no século VI un reino bretón situado no suroeste de Inglaterra.
O termo utilízase a partir do século VIII na haxiografía bretoa para designar unha parte da península Armoricana.[1]
Poher foi un principado, ou condado, que apareceu a principios da Idade Media na Bretaña, e cuxa capital era a cidade galorromana de Vorgium, capital dos osismos, que se converteu en Carhaix tras a caída do Imperio romano. As escavacións arqueolóxicas desde 1999 mostran que, se a cidade perdeu a súa función de capital a partir do século IV, porén seguiu sendo un bastión importante e unha encrucillada estratéxica.
Os límites deste territorio foron moi variábeis ao longo da historia, tendendo a reducirse co paso do tempo. O historiador Hubert Guillotel fainos coincidir coa diocese de Cornualla (actualmente diocese de Quimper).[2]
Segundo Dom Gallois, relixioso beneditino do século XVII, incluía a zona comprendida entre as Montañas Negras e os Montes de Arrée.[3] O historiador André Chédeville considera que chegaba até o Canal da Mancha, argumentando que ao principio era un pagus máis estreito e extenso cara ao norte, pero que na época carolinxia estaba restrinxido e dividido en dúas partes (Quimper e Treguier).[2]
Segundo Dom Gallois, a mediados do século IX o condado de Poher foi desmembrado polo seu conde e reunido co da Bretaña, no século X, baixo Alan II. O último conde, Hoël, casou con Havoise, filla de Alan III, en 1066.[3]
Nun pouillé (rexistro eclesiástico) do século XIV, Poher segue sendo un dos dous arcediagados da diocese de Cornualla (o outro chamábase Cornualla). Segundo algúns, o Poher representaba a maior parte da diocese, chegando a afirmar que era o nome carolinxio que indicaba ao Cornualla bretón.[4]
A xenealoxía dos condes de Poher superponse parcialmente coa dos duques da Bretaña.