Biografía | |
---|---|
Familia | |
Cónxuxe | Laonome |
Pais | Elatus e Hippe |
Descrito pola fonte | Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru Paulys Realenzyklopädie der klassischen Altertumswissenschaft, (sec:Polyphemos 1) Descrición de Grecia, (sec:10.29.10) |
Polifemo (por veces chamado Eufemo[1]), fillo de Élato e Hipe (ou Hipea), foi un lápita (pobo que habitaba os montes da Tesalia grega) que participou na loita contra os centauros e na expedición dos argonautas. Hixino descríbeo así: "Polifemo, tesalio da cidade de Larisa, fillo de Élato e de Hipea, filla de Antipo, tardo de pés"[2].
O seu pai divino foi o deus Poseidón[3], aínda que quedou como fillo do humano Élato e irmán de Ceneo[4].
Casou con Laónome, que está considerada como filla de Anfitrión e Alcmena e, por tanto, unha irmá de Heracles[5].
Cando Polifemo era aínda novo foi un dos invitados á voda de Pirítoo e loitou contra os centauros cando estes intentaron violar á noiva, Hipodamía. O vello Néstor, conselleiro de Agamenón durante a Guerra de Troia e que gustaba contar as súas batallitas de cando era aínda mozo, lembra así esta xeración de heroes cando recrimina a actitude de Agamenón e de Aquiles:
"Oíde, pois ambos sodes máis novos ca min. En tempos tratei con homes máis aguerridos ca vós e nunca me fixeron de menos, guerreiros como os que nunca volvín a ver nin nunca verei, como Pirítoo, Driante, pastor de xentes, Ceneo, Exadio, Polifemo, a un deus semellante, e o exida Teseo, semellante ós inmortais. Foron aqueles os homes máis fortes que medraron sobre a terra, os máis fortes e os que contra os máis fortes combateron, contra os montaraces centauros, ós que deron morte de forma espantosa"Ilíada I, 259-269
Posteriormente, Polifemo foi un dos heroes que participou na expedición dos argonautas baixo as ordes de Xasón, xunto a moitos outros, entre outros o mesmo Heracles[6]. Pero resulta que ó facer escala en Misia, Hilas, o preferido de Heracles, foi buscar auga e foi capturado por Dríope e outras ninfas, namoradas da súa fermosura. Polifemo, primeiro, e Heracles, despois, buscárono por canto sitio hai, sen atopar máis rastro que o cántaro caído xunto á fonte. Como fose que á mañá seguinte seguían buscando, Xasón ordenou ó Argo saír ó mar, abandonando a Heracles e Polifemo en terra[7].
Tras este episodio, Heracles regresou ós seus traballos e Polifemo estableceuse en Pegas, e levantou a cidade de Cío, onde reinou ata a súa morte á mans dos cálibes[8]. Enterrárono na beira do mar baixo un álamo[9]