O polo ou polos (do grego antigo πόλος, pólos, en plural poloi) é un gorro ou coroa cilíndrica que usaban as deusas mitolóxicas do Antigo Oriente Próximo e Anatolia, e adoptado polos antigos gregos para representaren ás deusas nai Rea, Cibeles e Hera.[1]
A palabra tamén significaba, entre outras cousas, "eixe da esfera celestial", e "polo deste eixe".[2], e deste termo é de onde derivan os polos celestes e, en cosecuencia, os xeográficos, os eléctricos e os magnéticos.
A miúdo estaba aberta pola parte superior cos cabelos caendo sobre os lados; outras, como un bonete alto e torreado, como unha coroa mural ou, simplemente, podía ter a forma dun anel alto.[3]
Durante a época clásica, as mulleres mortais non parece que levaran polos (poloi), pero son comúns en estatuas de terracota de mulleres da época micénica, polo que a súa representación en estatuas de deusas pode ser visto como un arcaísmo deliberado.[3]
Algúns polos parece que estaban feitos con tecido, aínda que o material usado non está claro. Non se encontrou ningún en escavacións arqueolóxicas,[3] o que suxire que non estaban feitos de metal.