Prorastomus Rango fósil: Eoceno medio | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Prorastomus sirenoides' Owen, 1855 |
Prorastomus sirenoides é unha especie de sirenio primitivo extinguido cuxos restos fósiles atópanse en estratos do Eoceno de Xamaica, de hai 40 millóns de anos. É a única especie do xénero Prorastomus.
O nome xenérico Prorastomus é unha combinación do grego πρῷρα (prōra), proa, e στόμα (stoma), boca, referíndose á mandíbula inferior do animal que "lembra a proa dun balandro".
En 1892 o naturalista Richard Lydekker reescribiu o nome do xénero como Prorastoma (en feminino), o cal estaba inxustificado, xa que stomus é masculino en latín.[1]
Prorastomus é un dos dus xéneros da familia Prorastomidae, sendo o outro Pezosiren, cada un cunha especie. As dúas especies son os sirenios máis antigos coñecidos e datan ambas do Eoceno.[1]
A especie foi descrita por primeira vez polo paleontólogo Sir Richard Owen en 1855, e como o espécime que utilizou se encontrou en Xamaica no Grupo da Calcaria Amarela, isto parecía indicar que a orixe dos Sirenia era o Novo Mundo e non o Vello como se pensaba anteriormente. Porén, os coñecementos modernos sobre os Afrotheria como clado que se diversificou orixinalmente en África botan abaixo esa idea. O espécime holotipo, BMNH 44897, comprende un cranio, unha mandíbula e unha vértebra atlas do pescozo. Cando Owen conseguiu o cranio, este estaba roto en dous cachos entre os ollos e a caixa cranial. Atopouse outro espécime en 1989 na mesma formación, o USNM 437769, que comprendía un óso frontal, un cairo, fragmentos de vértebras e costelas.[1]
Aínda que os modernos sirenios son completamente acuáticos, o Prorastomus, de 1,5 m de longo, era probablemente terrestre a xulgar pola estrutura do seu cranio. Tendo en conta a forma de coroa dos seus molares e a forma do seu fociño, probablemente se alimentaba de plantas brandas.[2] O fociño é longo, estreito e, no extremo, bulboso. Os ósos nasais son máis grandes que noutros sirenios. A crista nasal está ben desenvolvida, o que indica que tiña un bo olfacto. Os ósos frontais son menores do que é habitual nos sirenios, aínda que, como noutros sirenios, ten unha pronunciada crista ciliar.[1] Como o outro xénero da familia, Pezosiren, ten unha crista saxital, é posible que o espécime de Prorastomus descrito tivese tamén unha antes de que fose desgastada pola erosión.[3]
![]() |
Este artigo sobre zooloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |