Pyrodictium | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
Pyrodictium é un xénero de microorganismos do dominio das arqueas pertencente á familia Pyrodictiaceae. É un xénero de arqueas hipertermófilas submarinas con temperaturas óptimas de crecemento de 80 a 105 °C. Forman unha estrutura celular única constituída por unha rede de cánulas e células discoidais planas. Os Pyrodictium encóntranse nas paredes porosas das chemineas termais do océano profundo nas que a temperatura interna chega a 400 °C, mentres que as contornas mariñas no exterior tipicamente están a 3 °C. Pyrodictium aparentemente pode adaptarse morfoloxicamente a este tipo de hábitat quente-frío.
As células de Pyrodictium foron estudadas como modelo de estabilidade térmica. A estrutura das células é a dun disco plano, irregular, de 3 a 25 nanómetros de diámetro. As células crecen formando estruturas peculiares con forma laminar que se manteñen xuntas por medio dunha rede de cánulas (túbulos) ocos. As cánulas ramifícanse e conéctanse con outras células, estendéndose bastante. Aínda que se descoñece a razón exacta desta morfoloxía, é probable que o grao de movemento proporcionado polas cánulas permita que as células se movan libremente pola enerxía térmica do extremo calor do ambiente onde vive o organismo. O gran tamaño das células pode facilitar que Pyrodictium more nos poros que hai nas paredes das chemineas termais submarinas.
Analizouse a estabilidade térmica dos ARNt de illados de Pyrodictum occultum, e atopouse que modificacións nos nucleósidos permiten que o organismo soporte temperaturas por riba dos 100 °C.[1]
Estudouse o metabolismo de Pyrodictium brockii entre outras especies, o cal crece optimamente a 105 °C e é un autótrofo de hidróxeno-xofre, que se caracteriza por oxidar H2 con S0 para producir ATP e H2S.[2]
Membros de Pyrodictium viven nas chemineas termais submarinas profundas, e foron descubertos en 1979. A súa importancia ecolóxica segue a ser un misterio debido á dificultade de recoller mostras que poidan proporcionar datos sobre a abundancia e diversidade destes extremófilos.[3]