En xeomorfoloxía denomínase páramo a unha grande extensión de terreo ermo e plano situado a certa altitude,[1] moitas veces superior a 1000 msnm. Ás rexións onde abundan os páramos denomínanse parameiras.
Os hábitats de parameiras abundan na África tropical, Europa setentrional e occidental, norte de Australia, Norteamérica, Asia Central e no subcontinente indio.
O páramo constitúe a superficie estrutural dun relevo tabular, e caracterízase por asentarse sobre solos calcarios, cunha escasa vexetación baseada xeralmente en breixos e matogueiras, con prevalencia de cultivos de secaño, unha forte amplitude térmica, ventos constantes e unha hidrografía escasa, aínda que en moitas ocasións aparecen grandes cortes do terreo polos ríos, dando lugar a canós.
Debido á súa altitude adoitan seren frecuentes as néboas en épocas chuviosas. Adoitan apareceren en zonas de media montaña e en zonas de transición entre as serras e as campiñas.