Os quelíceros son pezas bucais (apéndices modificados) do prosoma dos quelicerados, un subfilo de artrópodos que inclúe os arácnidos, os merostomados,[1] e talvez dos picnogónidos (propiamente neste grupo adoitan denominarse quelíforos).[1]
Son apéndices acabados en punta que se usan para agarrar o alimento. Ademais, nas arañas están asociados a unha glándula velenosa e utilízanse para inocular veleno á presa ou como mecanismo defensivo.[1]
Ocupan unha posición anatómica preoral (inmediatamente antes da boca) polo que non son homólogos das mandíbulas dos mandibulados (crustáceos, miriápodos e insectos).
Embrioloxicamente son apéndices postorais, pero ao longo do desenvolvemento embrionario migran até situárense a ambos os lados da boca, ou mesmo en posición prebucal, no adulto.[1]
Poden distinguirse tres tipos de quelíceros: quelíceros en navalla, quelíceros en tesoura e quelíceros de tres artellos en pinza ou quela.[2]
Este tipo de quelíceros aseméllanse a unha navalla pregábel e poden considerarse como subquelados (case de pinzas). Están compostos por dous artellos e son exclusivos dos Tetrapulmonata. Consisten nun artello basal que se articula co prosoma e outro artello apical en forma de dente cairo que se articula co basal.
Presentan dúas formas diferentes: ortognatos e labidognatos.
Os quelíceros en tesoura teñen forma de quela e están compostos por dous artellos. Danse nas ordes dos pseudoscorpións e dos solífugos.
Esta é a condición primitiva e dase en palpígrados, escorpións e opilións. Encóntranse tamén noutros quelicerados non arácnidos, como os xifosuros e os euriptéridos.
Talvez os quelíforos dos picnogónidos sexan homólogos deste tipo de quelíceros e deberán considerarse aquí.
A práctica totalidade dos araneidos posúen glándulas velenosas asociadas aos quelíceros. As glándulas do veleno sitúanse no interior dos quelíceros e case sempre se estenden noi interior do prosoma; pode esperemerse pola araña voluntariamente. O cairo ou ferrete, que funciona como unha agulla hipodérmica, é o que penetra na pel ou no exoesqueleto da presa; inoculan o veleno a través duns orificios no ápice dos ferretes ao picaren ás súas presas.[2]
Cando unha araña ameaza picar, os dous quelíceros sepáranse do prosoma e os ferretes ábrense como unha navalla pregábel. Nos migalomorfos, os ferretes non se abren moito, pero nas demais arañas sepáranse moito o un do outro, ao tempo que se elevan. Algunhas picaduras de araña poden penetrar as uñas dos pés dunha persoa ou atravesar calzado de coiro brando.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Quelícero |