Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de setembro de 1853 Iași, Romanía |
Morte | 12 de febreiro de 1926 (72 anos) Bucarest, Romanía |
Lugar de sepultura | Cemitério Bellu (pt) |
Membro da Cámara de Deputados de Romanía | |
Actividade | |
Ocupación | historiador, escritor, sociólogo, xenealoxista, político, arquiveiro |
Partido político | Partido Conservador (pt) |
Familia | |
Familia | Rosetti family (en) |
Fillos | Radu R. Rosetti |
Radu Rosetti, nado o 14 de setembro de 1853 en Iași e finado o 12 de febreiro de 1926 en Bucarest, foi un político, historiador, xenealoxista e escritor romanés, pai do xeneral Radu R. Rosetti e un membro destacado da familia boiarda dos Rosetti.
Naceu nun palacio da entón capital do principado de Moldova, nominalmente so poder otomán pero en realidade un protectorado do Imperio Ruso[1]. Descendía dos Rosetti por parte do pai, Răducanu Rosetti o Novo, e máis concretamente do irmán do príncipe reinante moldavo Antonie Ruset (c. 1615 – 1685) e dos Ghica por parte da nai Aglaia Ghica, a filla máis vella do segundo matrimonio do príncipe de Moldova, Grigore Alexandru Ghica[2], con Ana Catargiu. Radu pasou a súa infancia e mocidade na propiedade que a familia tiña en Căiuți, nas proximidades da vila balneario de Slănic-Moldova, cos seus irmáns, un varón e varias irmás, entre elas Ana e Margot [3], criouse en romanés mais adquiriu o grego da súa avoa paterna, e posteriormente aprendeu francés, alemán, italiano e castelán, ademais de ter coñecementos de latín e antigo eslavo eclesiástico[4]. Educouse na súa cidade natal, Xenebra e París, cidade na que realizou os estudos secundarios[5] e logrou o seu baccalauréat[6]. Durante a súa estadía en Suíza aconteceu a Guerra franco-prusiana que significou a caída do emperador Napoleón III e a proclamación da Terceira República en Francia. Eses acontecementos consolidaron as súas crenzas conservadoras e lexitimistas e así, durante a Terceira guerra carlista, participou do contravando de armas en Navarra a favor dos carlistas[7]. De regreso ao país despois da morte do seu pai, en xuño de 1872, herdou Căiuți e adoitaba cazar dos seus bosques e convidaba a figuras importantes da vida pública romanesa, como Dimitrie Ghica-Comănești, Dimitrie A. Grecianu, Dimitrie Rosetti Tescanu, Anghel Saligny ou Alexandru B. Știrbei sen facer distincións entre os partidarios do gobernante Partido Nacional Liberal e os do Partido Conservador, na oposición[8].
En xuño de 1876 casou na igrexa ortodoxa da súa cidade natal con Henrieta Bogdan, filla do oficial de artillería moldova Lascăr Bogdan que morrera anos antes, e ela quedara baixo a supervisión dun familiar, Grigore Sturdza; a súa irmá, Elena, casara co oficial dos ulano Mișa Sturdza[9]. Foi durante algúns anos alcalde de Căiuți[10] e nesa época naceron seus fillos, Radu en 1877 (historiador e xeneral), Henri en 1879 (avogado), en Eugène 1881 (xornalista) e Magdalena en 1882. En 1888 deixou a propiedade e aveciñouse en Târgu Ocna, nunha casa vilega, antiga propiedade de de Costache Negri.
En decembro de 1888 alentado polos historiadores Ioan Bianu e Bogdan Petriceicu Hasdeu, Rosetti publicou o seu primeiro traballo de xenealoxía e historia agraria en Revista Nouă[11]. Membro do Partido Conservador, en agosto de 1889 o goberno designouno o seu representante (prefecto) no condado de Roman logo da chegada ao poder Lascăr Catargiu, na esperanza de reducir a axitación socialista na zona, pero tras a caída do goberno de Catargiu en novembro, Rosetti tamén deixou o seu posto. O ano 1890 pasouno en París, enfermo, baixo tratamento do doutor Jean-Martin Charcot. En 1891 volveu a Romanía e saíu electo deputado na Asemblea Nacional pola terceira circunscrición do condado de Fălciu e resultou reelixido ao ano seguinte. En outubro de 1892 o goberno nomeouno o seu representante (prefecto) no condado de Brăila e Catargiu pediulle auditar a sección local dos conservadores, o que anoxou a Nicolae Filipescu, un dos líderes conservadores máis novos. Rosetti tentou coa axuda do presidente do PNL, Dimitrie Sturdza, establecer un consello bipartidista de homes respetables, mais cando a nova chegou á prensa irritou a parte dos conservadores[12], e ademais durante o seu mandato declarouse unha epidemia de cólera, o alagamento nas beiras do Danubio e houbo folgas de estibadores. Despois dun ano, en outubro de 1893, pasou a ser o representante do goberno no condado de Bacău[13], e alí intentou combater a corrupción e principiou diversas obras públicas, pero á vez procurou asegurar a vitoria do seu protexido, G. I. Donici, nunha elección parcial para a Asemblea de Deputados[14]. En abril de 1894 houbo revoltas campesiñas contra das reformas impositivas dos conservadores, e causaron disturbios en Ardeoani e Răcăciuni, e algunhas voces no seo dos conservadores responsabilizaron a Rosetti polos 17 xendarmes feridos e un número descoñecido de labregos represaliados. Durante a súa época en Bacău entrou en rivalidade co xefe conservador local e sobriño seu, Eugen Ghica-Comănești que se opuxo ao seu programa de reformas. En xaneiro de 1895, con Catargiu aínda primeiro ministro accedeu ao cargo de director xeral de prisións e durante o seu mandato tentou reformar a bucrocracia das prisións e loitar contra da corrupción. En outubro dese ano ao caer o goberno conservador en favor dun goberno do PNL liderado por Sturdza, Rosetti deixou o seu posto. Nesa época comezou a traballar na súa primeira novela, Cu paloșul , de carácter histórico sobre a vida e aventuras de Bogdan I e que se publicou como un folletón no xornal conservador Epoca.
Sen ingresos regulares para vivir decentemente logrou en abril de 1898 un posto de axudante de arquiveiro no ministerio de exteriores e ao ano seguinte pasou o departamento de proxectos especiais e traballou na comisión para a delimitación da fronteira entre Austria-Hungría e Romanía[15] e asumiu a xefatura do departamento en abril 1902, que coincidiu coa delimitación da fronteira con Bulgaria.
En 1902 publicou en Convorbiri Literare un traballo xenealóxico sobre a familia dos Ghica, que levantou controversias, ao afirmar que a rama dos Ghica-Comănești foran usurpadores e que en realidade descendían da familia Suldjaroglu [16]. En 1905 publicou Cu paloșul como volume independente e gozou dun notable éxito[17], e nese ano apareceu tamén unha monografía sobre Răducăneni–Bohotin e Vascani, un estudo sobre o catolicismo moldovo e os csángós, húngaros católicos de Moldova, e unha xenealoxía dos Răducăneni Rosettis[18]. Durante un tempo os seus traballos concentráronse en Besarabia, unha antiga provincia moldova cedida ao Imperio Ruso.
Por indicación de Ioan Lahovary, tamén comezou a investigar para realizar unha obra sobre a historia dos xudeus en Romanía. Publicouse en 1903 en francés so o título La Roumanie et les Juifs, baixo o pseudónimo de "Vérax", e logo o propio Rosetti traduciuno ao inglés. Deu orixe a unha polémica coa Alianza Israélite Universelle (AIU), e máis especificamente co publicista Edmond Sincerus[19]. O historiador nacionalista Nicolae Iorga criticou o traballo como académico e moderado de máis, e que ao se basear en estatísticas oficiais infravaloraba o número de xudeus que realmente residían no país[20]. Segundo Radu R. Rosetti que axudou a seu pais coas estatísticas, o traballo respondía "á campaña xudía contra da Romanía" e era obxectivo, e defendía un antisemitismo como protección económica e non como prexuízo racial[21]. Rosetti expresou simpatía polo sionismo ao reforzar as súa crenza na inasimilidade dos xudeus[22] e o ensaio insistía en que a emancipación dos xudeus non era unha opción. Segundo Rosetti, os xudeus impedían aos romaneses converterse nunha clase media emprendedora. Admitía a historia dos pogroms, pero argumentou que equivalían a outros actos de violencia provocados pola competición económica.
En setembro de 1905 enviuvou e, cos fillos xa independizados, complementaba os seus ingresos exercendo como investigador de seguros. Nesta época procupouse pola situación social do campesiñado moldovo, a primeira das súas obras en afrontar abertamente a cuestión das desigualdades agrarias e das tensións sobre da terra foi Despre originea și transformările clasei stăpânitoare din Moldova que publicou en 1906. Volveu o seu ollar para o dereito valaco, e suxeriu que os antigos romaneses eran todos homes libres organizados en comunidades agrícolas autónomas (obști), que os latifundios só se impuxeran polo latrocinio dos boiardos e que a servidume só se consolidara na época de Miguel o Valente a fins do século XVI[23]. En relación coas reivindicacións xenealóxicas dos nobres romaneses, Rosetti distinguía entre unha camada de uradel de cneaz e un estrato posterior de fanariotas, e neste último incluía a súa propia liñaxe[24].
As teses da súa obra eran fundamentalmente erróneas, como sinalou o medievalista Ștefan Ștefănescu, mais tiveron o mérito de rachar coa historiografía tradicional romanesa, que idealizaba o pasado [18]. Rosetti tamén touco outros temas controvertidos, como a Dacia romana e a orixe dos romaneses, suliñando que a colonización romana foi feble e cría que a nación fora produto dos invasores eslavos meridionais e cativos da diocese de Dacia. Esta teoría confrontouna deseguida Dimitrie Onciul, quen citou fontes antiagas que contradicían a Rosetti.[25].
En xaneiro de 1906 o conservador Cantacuzino sucedeu ao liberal Sturdza como primeiro ministro, e Rosetti, agora simpatizante liberal, cesou en abril dese ano. Sen chegar a entrar no PNL estaba en boas relacións coa súa á esquerda e co emerxente movemento poporanista. En decembro publicou Pământul, sătenii și stăpânii în Moldova, que na década de 1940 Traian Herseni cualificou como unha das obras máis valiosas do período, unha contribución pioneira á socioloxía rural[26]e constituía un ataque ao principios dos teóricos conservadores, sobre todo Titu Maiorescu e Duiliu Zamfirescu. Aínda así, e malia as obxeccións de Maiorescu e Ioan Kalinderu, a Academia Romanesa votou concederlle o seu premio Năsturel Herescu.
A revolta dos labregos de febreiro que comezou en Hârlău, no norte de Moldova e logo de tres semanas espallouse rapidamente chegando ata Valaquia. A causa era a desigualdade da propiedade da terra, que estaba na meirande parte en mans duns poucos propietarios. Provocou a caída do goberno conservador en marzo e a volta ao poder dos liberais da man de Sturdza que coa axuda do exército puxo fin á revolta en abril e que causou a morte de milleiros de campesiños[27]. A raíz deses acontecementos Rosetti publicou a fins dese ano de 1907 Pentru ce s-au răsculat țăranii? sobre as razóns do levantamento e argumentou que era unha reacción contra o latifundios e os arrendamentos e documentou a sobrevivencia de obrigas semellantes ás da servitude, cos labregos obrigados a pagar por forraxe e presionados a pagar as rendas aos arendaș, intermediarios, en boa parte xudeus, entre os grandes propietarios, que adoitaban vivir nas cidades, e os campesiños. Con este tratado, Rosetti tamén emerxeu como partidario dunha reforma agraria radical [28].
Ao longo de 1907 tamén deu ao prelo monografías sobre a censura na Moldova na primeira metade do século XIX, incluídas as restricións á literatura xudía durante a época do Regulamentul Organic (1831-1858) [29], así como o apoio tácito á propaganda nacionalista baixo Grigore Alexandru Ghica e a súa represión por Mehmed Fuad Pasha. Aínda que as súas contribucións son das máis relevantes neste campo, tamén é certo que contiña numerosos erros de citación e cronoloxía[30].
Rosetti volveu á actividade por volta de 1909 con contribucións ao semanario literario Minerva e a Sămănătorul de Iorga[31]. Ao casar seu fillo máis vello con Ioana Știrbey, filla de Alexandru B. Știrbei e irmá de Eliza, Rosetti converteuse en familia política de Ion I. C. Brătianu, o líder do PNL, que substituíra a Sturdza como xefe de goberno[32]. Readmitido no ministerio de asuntos exteriores tamén en 1909, converteuse en director de departamento baixo o conservador Petre P. Carp, pero cesou en 1912, ao se tornar o seu rival Maiorescu en primeiro ministro. Tamén nese ano de 1909 publicou dous libros sobre a guerra de 1806 en Besarabia e os esforzos diplomáticos moldovos e outros dous traballos sobre Moldova e Valaquia nesa época. . En 1910 publicou unha monografía en dous volumes sobre o conflito entre o goberno moldovo e o mosteiro de Neamț na década de 1850.
Volveu utilizar o pseudónimo "Verax" no folleto Grèce et Roumanie editado en París e no que Rosetti detalla o conflito entre Romanía e o Reino de Grecia. No artigo Un proces de sacrilegiu la 1836 în Moldova suxería que os romaneses foran naturalmente tolerantes e o xudeus xeralmente fanáticos[33]. En 1912 publicou a novela Păcatele sulgeriului que ilustra as teorías do autor sobre a cuestión da terra. Amosa o bravo pero traxicamente errado Mihalache, un boiardo do século XVIII que acumula terra roubada a pequenos propietarios e que acaba castigado polo destino[34], a obra é unha das varias nas que Rosetti describe un "totalmente desprezable" dereito de pernada, supostamente exercido polos boiardos contra escravas ciganas núbiles.[35].
Rosetti sempre desconfiado de Rusia, mantivo as súas posicións antirusas ao estalar a I Guerra Mundial, cando Romanía mantivo a súa neutralidade. En 1914 publicou o folleto Nici într-un chip cu Rusia, onde alertaba do perigo do Paneslavismo e avisaba que unha alianza con Rusia tornaría axiña unha unión monetaria, un protectorado, e eventualmente levaría á anexión de Romanía. Rosetti vía como aliado ao Imperio Alemán, ao que non lle vía "nada que puidera ir en detrimento dos nosos propios intereses", pola contra "a salvación propia do perio ruso"[36]. Desenvolveu semellantes ideas en tres outras obras, Atitudinea politicii rusești în țările române povestită de organele oficiale franceze que publicou tamén en 1914, e máis en dúas obras de 1915, Adevărații provocatori e Atitudinea României în războiul actual nas que teorizou que o conflito era o resultado das intrigas rusas e do imperialismo británico, mentres acusaba os romaneses de estar moi pobremente informados das súas opcións, "indiferentes á situación de Besarabia e dos besarabios. Todas esas obras publicounas en cooperación con Viața Românească, que en 1916 publicou a resposta de Rosetti ao erudito Vasile Pârvan, reafirmando as súas teses sobre a orixe dos romaneses. Rosetti contribuíu tamén á revista de Carp, Moldova, unha tribuna para os moldovos antirrusos e xermanófilos[37].
A mediados de 1916 Romanía declarou a guerra as Potencias Centrais mais logo dun ataque a Austria-Hungría, foron as Potencias Centrais as que invadiron Romanía, con fortes derrotas en Turtucaia[38] e Bucarest. O rei Fernando e o exército, así como unha manchea de refuxiados retiráronse a Iași; Romania, directamente apoiada polos rusos, só mantiña Moldova. Rosetti permaneceu en Budapest e formou parte dun grupo de conservadores que incluía os antigos primeiros ministros Carp e Maiorescu así como tamén os Beldiman. Rosetti colaborou abertamente cos alemáns e os xermanófilos. As conversas de Carp co comandamente militar alemán August von Mackensen tendían á creación dun goberno liderado por Carp que incluíra como ministros a Kostaki, Barnoschi, Dimitrie S. Nenițescu, Grigore Antipa, Victor Verzea e ao propio Rosetti[39] que finalmente non se materializou e asumiu unha posición menor baixo Lupu C. Kostaki, ministro do interior na Romanía ocupada, e púxose á fronte dos hospitais públicos. Tamén se viu involucrado nas querelas internas dos conservadores de Bucarest, e apoiou a Carp fronte a Kostaki e Alexandru Marghiloman.
En marzo de 1918 Fernando I nomeou a Marghiloman á cabeza dun gabinete conservador e xermanófilo e en maio asinouse o Tratado de Bucarest que supuña a derrota de Romanía fronte as Potencias Centrais. Rosetti, enfrontado a Marghiloman, cesou nas súas funcións mais, así e todo, considerou o momento como unha confirmación das súas predicións, e pediu que Carp substituíse a Marghiloman e levase a Romanía á órbita de Alemaña. Nunha carta aberta mentres confesaba o seu reavivado odio aos alemáns, demandou a destitución do rei Fernando e da súa dinastía. O monárquico Iorga, afirmou que este documento, produto dunha mala moda, causou grande abatemento á raíña María[40]. Nestes tempos, Rosetti tamén escribiu pezas de opinión no xornal de Dimitrie S. Nenițescu, Renașterea, con amoestacións contra o seu antigo amigo Brătianu e outros políticos do PNL[41]. Outro xornal no que colaborou foi en Izbânda, de carácter democrático independente, moi censurado pola administración de Marghiloman[42].
En setembro coa derrota das Potencias Centrais na fronte macedonia mudou a situación e poucos días antes de asinarse o armisticio asutro-húngaro de Villa Giusti do 3 de novembro caeu o goberno de Marghiloman, substituíndoo primeiro brevemente o militar proaliado Constantin Coandă e logo Ion I.C. Brătianu. Rosetti concorreu, sen éxito, ás eleccións xerais de novembro de 1919. Na época Renașterea publicou algúns dos seus trazos para unha reforma agraria, na que criticaba a Marghiloman polas súas concesións aos campesiños peasants e propuña a preservación dalgunhas grandes propiedades, na esperanza que estas puidesen asegurar a competividade e a modernización da agricultura.
Ao acabar a guerra, Romanía experimentou unha ampliación do seu territorio, tornando o que se denomina a Gran Romanía e que incluía Besarabia, Rosetti afirmou que a súa xermanofilia fora un erro, pero tamén aseverou que as ganancias territoriais eran aínda fráxiles [43]. As súas ideas sobre asuntos agrarios influenciaron o poporanismo de entreguerras, que pasou a ser a doutrina oficial do Partido Campesiño e logo do Partido Nacional Campesiño[44].
Nos primeiros anos da década de 1920 traballou en volumes sobre acontecementos recentes, entre eles un sobre a guerra, que nunca se publicou, que titulouO partidă de stos. Publicou en 1920-1921 dúas escolmas de contos moldovos (Povești moldovenești) e en 1922 un volume de memorias, Amintiri que Iorga recoñeceu como unha fonte "preciosa" source,[45] e o escritor Artur Silvestri denominou un volume de "calidade excepcional". Na obra recolleu testemuños de xente maior da súa familia, entre eles detalles de tolerancia xudía e progroms, así como do saqueo e violación por parte de malfeitores Otománs e a mestura entre romaneses e escravas ciganas.
O historiador da literatura George Călinescu salienta que as memorias amosan á clase boiarda como "incriblemente obsoleta" "cegada" pola nova sociedade liberal e que Rosetti facíao empregando un estilo "sempre agradable" [46]. De xeito semellante Ornea conclúe que a reconstrución indulxente que ofrece pode considerarse totalmente fidedigna como documento, pero tamén verdadeira literatura[47]. O crítico Eugen Lovinescu cita a Rosetti como un dos grandes e netamente contistas moldovos, canda Gheorghe Sion e Dumitru C. Moruzi,[34] mentres Silvestri compárao co seu contemporáneo Constantin Gane como os dous recontaron a historia cunha notable vea épica[48].
En 1923 un dos seus contos converteuse na base do filme Țigăncușa dela iatac do realizador alemán Alfred Halm, adaptado por Beldiman[49], unha coprodución entre Spera-Film de Berlín e Rador-Film de Bucarest, os seus protagonistas eran Elvira Popescu e Ion Finteșteanu,[50], considerado un filme perdido a súa estrea foi o 23 de decembro de 1923, considerado un dos filmes máis populares da, na época cativa, industria cinematográfica romanesa e mesmo superou o éxito de moitos filmes foráneos[51].
En 1923 publicou Despre succesiunea domnilor Moldovei dintre Lațcu și Alexandru cel Bun, un traballo sobre a Moldova medieval dende Lațcu a Alexandro¡e[18] á que seguiu en 1924 unha terceira edición de Cu paloșul[52]. Nos seus últimos anos padeceu doenzas cardíacas graves e levou unha vida retirada. Morreu o 12 de febreiro de 1926 nun sanatorio da capital romanesa, e soterraron o seu corpo no Cemiterio Bellu[53].
No seu obituario para Viața Românească o sociólogo Mihai Ralea proclamaba Rosetti como un boiardo convertido en progresista, e como tal a personificación da xenerosidade. Segundo Ralea, ele fora a resposta de Romanía a Philippe Égalité e William Ewart Gladstone; "en literature, Radu Rosetti serviu como o Walter Scott romanés"[54] Durante o réxime comunista, mentres que aínda se citaba como autoridade sobre temas agrarios, formalmente designábase como un "historiador da burguesía e terratenentes" [55]. A súa obra literaria permaneceu ignorada, pasando por un afeccionado que producía novelas históricas que fantaseaba libremente con base nalgunha documentación[56]. Tras a caída do comunismo, revisouse a contribución de Rosetti á literatura romanesa e as súas obras reeditáronse, entre elas unha nova edición de Amintiri en 2011 cun limiar de Neagu Djuvara.[57].