Nome orixinal | (ar) رفعت رفيق سعيد العرعير |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 23 de setembro de 1979 Shuja'iyya, Estado de Palestina (en) |
Morte | 6 de decembro de 2023 (44 anos) Gaza, Estado de Palestina |
Causa da morte | homicidio |
Datos persoais | |
Residencia | Franxa de Gaza |
País de nacionalidade | Estado de Palestina |
Educación | University College de Londres - Mestrado (–2007) Universidade Islámica de Gaza - literatura inglesa (–2001) Universidade Putra Malaisia - literatura inglesa |
Actividade | |
Ocupación | escritor , poeta , académico |
Empregador | Palestinian Information Center (en) |
Lingua | Árabe e lingua inglesa |
Obra | |
Obras destacables
| |
Refaat Alareer (árabe: رفعت العرعير), nado o 23 de setembro de 1979 en Gaza e finado o 6 de decembro de 2023, foi un escritor, poeta, docente e activista palestino. Foi profesor de literatura e escrita creativa na Universidade Islámica de Gaza, e cofundador da organización We Are Not Numbers.
Refaat Alareer naceu no ano 1979 en Shuja'iyya, barrio do leste da cidade de Gaza.[1] Segundo o autor, ter nacido en Gaza supoñía que "todo movemento e toda decisión dependían da influencia (decote negativa) da ocupación israelita".[1]
Graduouse en Inglés no 2001 pola Universidade Islámica de Gaza, para logo cursar un mestrado en Literatura Comparada no University College de Londres no 2007.[2] No 2017 doutorouse en Literatura Inglesa pola Universidade Putra Malaisia, cunha tese sobre o poeta John Donne (1572-1631).[1][3]
Dende 2007, Alareer foi profesor da Universidade Islámica de Gaza, onde ensinaba literatura e escrita creativa.[4][5] Nas súas clases traballou a obra do poeta israelita Yehuda Amichai, que consideraba fermosa e perigosa a un tempo.[6] O autor editou dous volumes de relatos palestinos, Gaza Unsilenced (2015) e Gaza Writes Back (2014). Este último constitúe "un intento de fornecer un testemuño para as vindeiras xeracións".[7] Foi cofundador da organización We Are Not Numbers, un programa de mentoría para autores gazatís e estranxeiros.[1][8]
Durante o conflito israelí-palestino de 2023, Alareer fixo varias intervencións en medios de comunicación internacionais, como a BBC, Democracy Now! ou ABC News.[9][10][11] O poeta describiu o ataque de Hamás a Israel do 6 de outubro de 2023 como "lexítimo e ético", e comparouno co levantamento do gueto de Varsovia.[12] Tamén rexeitou as acusacións de crimes sexuais contra Hamas, considerándoas mentiras para "xustificar o xenocidio de Gaza".[13][14]
Se teño que morrer,que traia esperanza,
que sexa coma un conto.Refaat Alareer
Alareer e a súa muller, Nusayba, tiveron seis fillos.[15] Durante o conflito de Gaza no 2014, as tropas israelitas mataron ao seu irmán Hamada, ao seu sogro, aos seus cuñados e mais ás súas tres sobriñas.[15] Para o ano 2021, o poeta e a súa esposa perderan máis de trinta familiares.[15]
Refaat Alareer faleceu nun ataque aéreo israelita o 6 de decembro do 2023, aos 44 anos de idade. Entre as vítimas tamén se atopaban os seus irmáns Salah e Asmaa, e tres fillos desta última, Alaa, Yahia e Mohammed.[15][16][17] Segundo unha declaración de Euro-Med Monitor, Alareer foi un obxectivo deliberado do ataque.[17] O poeta levaba semanas recibindo ameazas de morte por teléfono e a través da Internet.[17]