Renfe Proximidades (en castelán: Renfe Cercanías, en valenciano: Renfe Rodalia, en éuscaro: Renfe Aldiriak) é unha división da compañía ferroviaria española Renfe Operadora, dedicada á xestión e explotación de redes de proximidades, que unen os diferentes núcleos dunha área metropolitana mediante liñas de alta capacidade e frecuencia.
Naqueles núcleos que contan con lingua cooficial, Renfe usa adaptacións da marca xeral ás devanditas linguas xunto á marca nacional. Así, o servizo recibe tamén o nome de Renfe Rodalia na Comunidade Valenciana[1] e Renfe Aldiriak no País Vasco[2][3]; así mesmo, ata 2010 tamén usou a marca Renfe Rodalies en Cataluña.[4]
Renfe Proximidades é a maior das dúas divisións da empresa matriz que operan este tipo de transporte, sendo a outra Renfe Feve. Fóra da liña C-9 da súa rede madrileña, Proximidades ofrece todos os seus servizos por trazados ferroviarios de ancho ibérico, á vez que todos os traxectos de Feve realízanse por redes de ancho métrico.
Actualmente, Renfe Proximidades xestiona e opera en exclusiva os núcleos de proximidade de Cádiz, Madrid, Málaga, Sevilla e Zaragoza.[5] Só xunto a Renfe Feve opera tamén varias liñas dos núcleos de Asturias e Cantabria, e está presente, xunto a outras compañías públicas autonómicas, nos núcleos de proximidade de Bilbao, Murcia/Alacant, Donostia, Cataluña, Valencia e Córdoba. Naquelas rexións onde non opera en exclusiva, Renfe Proximidades ten a súa propia rede, do mesmo xeito que os outros operadores, sen compartir vías ou liñas. Nalgúns dos núcleos existen entes públicos que exercen de autoridades de transporte; é habitual que estes ofrezan billetes integrados que permiten o transbordo entre diferentes transportes, entre os que se adoitan incluír aqueles ofrecidos por Renfe.
Renfe tamén xestionaba e operaba o núcleo denominado Proximidades Barcelona, formado por unha vasta rede ferroviaria suburbana que serve á capital catalá e á súa provincia, estendéndose tamén a algunhas poboacións de Tarragona e Xirona. O 1 de xaneiro de 2010, a competencia de xestión foi transferida á Generalitat de Catalunya, pero mantense a explotación das liñas[6] por parte da compañía, agora baixo o mando do réxime autonómico. O núcleo integrouse no novo servizo unificado Rodalies de Catalunya, que aglutina todas as liñas de proximidade do territorio catalán, incluíndo aquelas operadas pola compañía autonómica Ferrocarrils de la Generalitat de Catalunya (FGC). Expúxose a posibilidade de estender a rede explotada por Renfe Proximidades, como no caso de Lleida.[7]
Nos núceos de Ferrol, León e Cartaxena, opera en exclusiva baixo a marca Renfe Feve.
Nos servizos de Proximidades Renfe empréganse as seguintes series:
Serie | Núcleo(s) onde circula | Imaxe |
---|---|---|
442 | Madrid (C-9) | |
446 | Bilbao, Cantabria, Córdoba, Donostia, Madrid e Sevilla | |
447 | Barcelona, Cantabria, Donostia, Murcia/Alacant, Tarragona, Valencia e Xirona | |
450/451 | Barcelona e Madrid | |
592 | Murcia/Alacant e Valencia | |
Civia | Asturias, Barcelona, Cádiz, Cantabria, Madrid, Málaga, Sevilla, Valencia, Xirona e Zaragoza |