República Piemontesa

Modelo:Xeografía políticaRepública Piemontesa

Localización
Mapa
 45°04′N 7°42′L / 45.07, 7.7
CapitalTurín Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creación9 de decembro de 1798 Editar o valor en Wikidata
Disolución20 de xuño de 1799 Editar o valor en Wikidata

A República Piemontesa (en italiano Repubblica Piemontese) foi unha República irmá, Estado satélite da Primeira República Francesa, que tivo unha breve duración, entre 1798 e 1799, no territorio do Piemonte durante o réxime militar imposto pola República francesa.

Non debe confundirse coa República de Alba (coñecida ás veces como República Piemontesa), nin coa República Subalpina, dúas Repúblicas irmás nacidas naqueles anos no Piemonte.

O Piemonte era a parte principal do Reino de Sardeña que, a pesar do seu nome, tiña o seu núcleo no continente. O Reino sufriu unha primeira invasión francesa de 1796 e, debido á derrota sufrida polo exército piemontés fronte ao moi superior francés do xeneral Bonaparte, o rei Vítor Amadeo III tivo que asinar o armisticio de Cherasco o 28 de abril de 1796 e o consecuente tratado de París do 15 de maio polo que o Reino de Sardeña cedía a Francia a Savoia e Niza.

Despois dunha segunda invasión en 1798, o novo rei Carlos Manuel IV escapou a Roma, pero nunca aceptou asinar un novo tratado de paz, esperando a aprobación dun acordo final sobre os territorios continentais segundo o dereito internacional.[1]

A República Piemontesa foi declarada o 10 de setembro de 1798. O xeneral Joubert ocupou a capital sarda de Turín o 6 de decembro dese ano. A República era totalmente dependente de Francia, e nunca foi realmente libre e soberana, xa que estaba baixo ocupación militar francesa. O Estado non foi recoñecido pola comunidade internacional.

A República usou nas súas moedas o lema Libertà, Virtù, Eguaglianza (Liberdade, Virtude, Igualdade), emulando o lema francés Liberté, égalité, fraternité.[2]

O 20 de xuño de 1799, a República Piemontesa deixou de existir cando foi conquistada polas tropas austro-rusas. Posteriormente foi reincorporada ao Reino de Sardeña pero, exactamente un ano despois, restableceuse co nome de República Subalpina, despois de que Napoleón tomara todo o norte de Italia tras a vitoriosa batalla de Marengo.[1]

A estrutura do goberno destas Repúblicas, a pesar da súa curta vida, cambiou varias veces, dun sistema directorial (decembro de 1798 - abril de 1799) a un Consello Superior (abril de 1799 - xullo de 1800) e, despois do restablecemento da República (a República Subalpina), a un executivo Provisional (abril de 1801 - setembro de 1802).[1]

A República Subalpina perdurou até o 11 de setembro de 1802, cando foi incorporada ao Primeiro Imperio Francés, e o seu territorio dividido entre o Reino de Italia e Francia.[1]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bergeon, Louis; François Furet e Reinhart Koselleck (1976): Historia Universal 26. La época de las Revoluciones Europeas. 1780-1848. Ed. Siglo XXI de España. ISBN 978-84-323-0219-0.
  • Blanning, T. C. W.(1996): The French Revolutionary Wars, 1787-1801. Hodder Education Publishers; ISBN 978-0-3406-4533-4.
  • Van Wie, Paul D. (1999): Image, History, and Politics: The Coinage of Modern Europe. Lanham: University Press of America, Inc. ISBN 978-0-7618-1221-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]