Os retinoides son unha clase de compostos químicos tetraterpénicos que son vitámeros da vitamina A ou están quimicamente relacionados con ela. Os retinoides úsanse en medicina como reguladores do crecemento de células epiteliais.
Os retinoides teñen importantes funcións en todo o corpo, incluíndo papeis na visión,[1] regulación da proliferación celular e diferenciación, crecemento do tecido óseo, función inmune e activación de xenes supresores de tumores.
Tamén se están facendo investigacións sobre a súa capacidade de tratar o cancro de pel. Actualmente, a alitretinoína (ácido 9-cis-retinoico) pode utilizarse topicamente para axudar a tratar as lesións de pel do sarcoma de Kaposi e a tretinoína (ácido todo-trans- retinoico) utilízase para tratar a leucemia promielocítica aguda.
Hai catro xeracións de retinoides:
A estrutura básica da molécula retinoide hidrófoba consta dun grupo terminal cíclico, unha cadea lateral polieno e un grupo polar terminal. O sistema conxugado formado por dobres enlaces C=C alternados na cadea lateral polieno é responsable da cor dos retinoides (xeralmente amarela, laranxa ou vermella). Por tanto, moitos retinoides son cromóforos. As alternancias das cadeas laterais e grupos terminais xeran varias clases de retinoides.
Os retinoides de primeira e segunda xeración poden unirse a varios receptores retinoides debido á flexibilidade que lle dá a alternancia de enlaces simples e dobres.
Os retinoides de terceira xeración son menos flexibles que os de primeira e segunda e, por tanto, interaccionan con poucos receptores retinoides.
O retinoide de cuarta xeración Trifarotene, únese selectivamente ao receptor de RAR-y. Foi aprobado o seu uso en EUA en 2019.[2]
A fonte principal de retinoides na dieta son pigmentos vexetais como carotenos e retinil ésteres derivados de fontes animais. Os retinil ésteres son hidrolizados no lume intestinal para render retinol libre e o correspondente ácido graxo (é dicir, palmitato ou estearato). Despois da hidrólise, o retinol é captado polos enterocitos. A hidrólise de retinil ésteres require a presenza de sales biliares que serven para solubilizar os retinil ésteres en micelas mesturadas e para activar os encimas hidrolizantes [3]
Varios encimas que están presentes no lume intestinal poden estar implicados na hidrólise dos retinil ésteres dietarios. A colesterol esterase secrétase no lume intestinal desde o páncreas e demostrouse in vitro que presenta actividade de retinil éster hidrolase. Ademais, unha retinil éster hidrolase que é intrínseca á membrana do bordo en cepillo do intestino delgado foi caracterizada na rata e nos humanos. Os diferentes encimas hidrolizantes son activados por diferentes tipos de sales biliares e teñen distintas especificidades de substrato. Por exemplo, mentres que a esterase pancreática é selectiva para os retinil ésteres de cadea curta, os encimas da membrana do bordo en cepillo hidrolizan preferencialmente retinil ésteres que conteñen ácidos graxos de cadea longa como o palmitato ou o estearato. O retinol entra nas células absorbedoras do intestino delgado, preferentemente en forma de todo-trans-retinol.
Condicións cutáneas comúns tratadas con retinoides son o acne e a psoríase.[4] Os retinoides utilízanse no tratamento de moitas doenzas e son efectivas no tratamento de varias condicións dermatolóxicas como trastornos inflamatorios da pel,[5][6] cancro de pel, como o bexaroteno para as micoses fungoides,[7] trastornos polo incremento do reemprazo celular (por exemplo na apsoríase),[8] fotoenvellecemento,[9][10] e enrugas da pel.[11]
A isotretinoína foi orixinalmente un tratamento de quimioterapia para certos cancros, como a leucemia.[12]
Os efectos tóxicos ocorren cunha inxesta alta prolongada. A toxicidade específica está relacionada co tempo de exposición e a concentración da exposición. Un signo médico de envelenamento crónico é a presenza de inchamentos brandos dolorosos nos ósos longos. Poden darse anorexia, lesións da pel, perda de cabelo, hepatoesplenomegalia, papiloedema, hemorraxia, malestar xeral, pseudotumor cerebral e morte.[13]
A sobredose crónica tamén causa un incremento da labilidade de membranas biolóxicas e despréndese a capa eterna da pel.[14]
Investigacións recentes suxeriron un papel para os retinoides en efectos cutáneos adversos dunha variedade de fármacos, como o fármaco antimalárico proguanil. Propúxose que os fármacos como o proguanil actúan distorsionando a homeostase retinoide.[15]
Os sistemas retinoides (isotretinoína, etretinato) están contraindicados durante o embarazo, xa que poden causar defectos no sistema nervioso central, cranio-faciais e cardiovasculares entre outros.[16]