Ribosa 5-fosfato

Ribosa 5-fosfato
Nome químico Ácido (2,3,4-Trihidroxi-5-oxo-pentoxi)fosfónico
Fórmula química C5H11O8P
Masa molecular 230.110 g mol−1
Número CAS [3615-55-2]

A ribosa 5-fosfato ou ribosa-5-fosfato [1] é o monosacárido ribosa cun fosfato esterificado no carbono 5. É un azucre de cinco carbonos (pentosa) cun grupo aldehido (aldosa) e un grupo fosfato [2][3]. Intervén na ruta da pentosa fosfato, no ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese e na síntese de nucleótidos.

Na ruta da pentosa fosfato

[editar | editar a fonte]

A ribosa 5-fosfato é o produto final da fase oxidativa da ruta da pentosa fosfato e un intermediario da mesma. Orixínase a partir da ribulosa 5-fosfato por acción do encima ribulosa 5-fosfato isomerase, que transforma unha cetosa nunha aldosa.

ribulosa 5-fosfato ribosa 5-fosfato

A ribosa 5-fosfato formada pode utilizarse para a síntese de nucleótidos ou pode seguir a fase non oxidativa da ruta da pentosa fosfato reaccionando coa xilulosa 5-fosfato en reacción catalizada pola transcetolase para producir unha molécula de gliceraldehido 3-fosfato e outra de sedoheptulosa 7-fosfato [4].

ribosa 5-fosfato + xilulosa 5-fosfato gliceraldehido 3-fosfato + sedoheptulosa 7-fosfato

No ciclo de Calvin

[editar | editar a fonte]
A ribosa 5-fosfato ciclada

A ribosa 5-fosfato intervén no ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese, no cal esta molécula realiza en sentido contrario as mesmas reaccións da ruta da pentosa fosfato. Orixínase na fase rexenerativa do ciclo a partir da reacción do gliceraldehido 3-fosfato coa sedoheptulosa 7-fosfato, e despois isomerízase a ribulosa 5-fosfato [4].

gliceraldehido 3-fosfato + sedoheptulosa 7-fosfato ribosa 5-fosfato + xilulosa 5-fosfato
ribosa 5-fosfato ribulosa 5-fosfato

Síntese de nucleótidos

[editar | editar a fonte]

O fosforribosil pirofosfato (PRPP) utilízase na síntese de nucleótidos, xa que o azucre e o fosfato do nucleótido proceden del [4]. O fosforribosil pirofosfato orixínase a partir de ribosa 5-fosfato pola acción do encima ribosa fosfato difosfoquinase.

ribosa 5-fosfato + ATP fosforribosil pirofosfato + AMP

O fosforribosil pirofosfato intervén tamén noutras reaccións, como a síntese de aminoácidos como o triptófano.

  1. MeSH Ribose-5-phosphate
  2. ChemSpider D-ribose 5-phosphate
  3. CHEBI
  4. 4,0 4,1 4,2 A. Lehninger. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Páxinas 456-457, 628, 665. ISBN 84-282-0738-0