Rickettsiáceas

Rickettsiaceae
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Alphaproteobacteria
Orde: Rickettsiales
Familia: Rickettsiaceae
Pinkerton, 1936
Xéneros

Rickettsia
Orientia
Wolbachia

As Rickettsiáceas (Rickettsiaceae) son unha familia de bacterias gramnegativas adaptadas a unha vida como parasitos intracelulares obrigados, entre as que están as bacterias do xénero Rickettsia, que orixinan enfermidades en humanos [1] As Rickettsiaceae pertencen á orde Rickettsiales xunto coa familia Anaplasmataceae. Comprende os xéneros Rickettsia, Orientia e Wolbachia (este último é clasificado como anaplasmatácea nalgunhas árbores filoxenéticas, ver Rickettsiales).

A maioría dos patóxenos desta familia teñen un ciclo de vida no que pasan unha parte en artrópodos como as carrachas, os piollos e as pulgas, e outra parte en mamíferos, como o home, onde producen enfermidades transmitidas pola picadura do artrópodo. Rickettsia rickettsii considérase o organismo infeccioso prototípico do grupo, que produce a febre das Montañas Rochosas transmitida por carrachas. Son tamén importantes a Rickettsia prowazekii, que produce o tifo exantemático epidémico transmitido por piollos, e a Rickettsia typhi, que produce o tifo murino, transmitido por pulgas. A especie Orientia tsutsugamushi produce a febre de tsutsugamushi (antes estaba clasificada no xénero Rickettsia).

Xenómica

[editar | editar a fonte]

As análises xenómicas comparativas identificaron 3 proteínas, RP030, RP187 e RP192, que só se atopan nos membros da familia Rickettsiaceae e serven como marcadores moleculares para esta familia.[2] Ademais, son específicos para as especies de Rickettsiaceae identificadas varios indeis sinatura conservados en varias proteínas como unha inserción de 4 aminoácidos no factor de acoplamento de reparación da transcrición Mfd, unha inserción de 10 aminoácidos na proteína ribosómica L19, unha inserción de 1 aminoácido na proteína FtsZ e no factor sigma 70 maior, e unha deleción de 1 aminoácido na exonuclease VII.[3]

  1. Walker DH (1996). Rickettsiae. In: Barron's Medical Microbiology (Barron S et al., eds.) (4th ed.). Univ of Texas Medical Branch. ISBN 0-9631172-1-1. (via NCBI Bookshelf).
  2. Gupta, R. S. and Mok, A. (2007). Phylogenomics and signature proteins for the alpha Proteobacteria and its main groups. BMC Microbiology. 7:106. DOI:10.1186/1471-2180-7-106.
  3. Gupta, R. S. (2005). Protein signatures distinctive of alpha proteobaccteria and its subgroups and a modle for alpha proteobacterial evolution. Critical Reviews in Microbiology. 3:101-135. DOI: 10.1080/10408410590922393.