Rocha hipoabisal

Diques de diabase (rocha escura) de hai 1.440 millóns de anos (Ramsö, illas Koster, Suecia).

As rochas hipoabisais, subvolcánicas ou filonianas son rochas ígneas intrusivas que se orixinan cando o magma ou fluídos hidrotermais mineralizados se abren paso cara á superficie a través de fisuras de trazado irregular ou gretas e fallas de bordos planos e solídifícanse no seu interior formando filóns, masas de rocha de contorno tabular.[1][2] Xeralmente o magma forma pequenas masas tabulares (entre uns poucos centímetros e uns cantos centenares de metros). A maioría das rochas filonianas presentan unha textura porfírica, afanítica ou granofídica, con cristais que non teñen unha medida uniforme porque se formaron en fases distintas: os minerais con temperatura de fusión máis alta foron cristalizando lentamente no interior da Terra e o resto, de forma máis rápida dentro dos filóns, onde a rocha encaixante está cada vez máis fría.

Algúns exemplos de rochas filonianas son as aplitas (de composición parecida á do granito, con diferentes proporcións de cuarzo, plaxioclasio e ortosa, e con textura equigranular <2mm), os pórfiros (con matriz vítrea ou microcristalina) e as pegmatitas (con grandes cristais >1cm).

  1. "Rocas Ígneas". Universidade Autónoma de Madrid. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2010. Consultado o 9 de xuño de 2010. 
  2. Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. «roca filoniana». Vocabulario Científico y Técnico. Consultado o 10 de xullo de 2020.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]