(2017) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (es) Rodrigo Corrales Rodal 24 de xaneiro de 1991 (33 anos) Cangas, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 200 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | balonmanista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | balonmán | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Liga | Ligue Nationale de Handball (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Goalkeeper (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2020 | Handebol nos Jogos Olímpicos de Verão de 2020 - Masculino (pt) (3º) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Rodrigo Corrales Rodal, nado en Cangas o 24 de xaneiro de 1991, é un xogador de balonmán galego. Xoga de porteiro e milita dende 2020 no Veszprém KC da Primeira División de Hungría.[1] Dende 2014 é internacional coa selección española,[2][3] coa que gañou dous Campionatos de Europa en 2018 e 2020, quedou terceiro nos Campionatos do Mundo de 2021 e 2023 e logrou a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de 2020.[4]
Naceu en Cangas, fillo e neto de mariñeiros. Un dos seus avós competía en traiñeiras, e gañou en 1961 con Tirán o Campionato de España de Traiñeiras.[5] Durante a súa infancia practicou numerosos deportes, entre eles o fútbol, no que acostumaba a xogar de porteiro. Antes de acabar a Primaria comezou a xogar ao balonmán e entrou no Club Balonmán Cangas.[5]
Aos 15 anos deixou Cangas para fichar polo FC Barcelona. Xogou varios anos no filial e conquistou con este a División de Honra Prata na tempada 2011/12. Ao ano seguinte saíu cedido ao Huesca, da Liga ASOBAL, onde xogou durante dúas tempadas. Entre 2014 e 2017 xogou no Orlen Wisła Płock de Polonia adestrado por Manolo Cadenas, co que quedou tres veces subcampión da liga polaca e co que empezou a destacar de xeito internacional.[6]
En 2017 fichou polo Paris Saint-Germain, co que xogou tres tempadas, gañando nas tres ocasións a liga francesa. No equipo parisiense xogou como gardameta titular e foi elixido na tempada 2019/20 como o mellor porteiro da liga, despois de quedar segundo nas votacións na campaña anterior.[7]
Na tempada 2020/21 fichou polo Veszprém KC, da liga húngara.[8] Pouco despois da súa chegada disputou a Final Four da Liga SEHA da tempada anterior, que fora adiada por mor da pandemia de COVID-19. Conquistou o título e foi elixido mellor xogador da Final Four e mellor gardameta do torneo.[9]
Aínda que foi convocado en 2013 para un encontro amigable da selección española no partido das estrelas da Liga ASOBAL, o seu debut oficial produciuse en abril de 2014 contra a selección suíza.[10] Foi a partir de 2016, cando comezou a ocupar de xeito habitual a portería da selección, alternándose no posto co toledano Gonzalo Pérez de Vargas. En 2017 disputou o seu primeiro Campionato do Mundo, e no 2018 gañou o Campionato de Europa, revalidando o título na seguinte edición, en 2020.
En 2021 disputou o seu terceiro Mundial, rematando terceiro ao ser eliminado en semifinais pola Dinamarca de Niklas Landin. Foi convocado polo adestrador Jordi Ribera para os Xogos Olímpicos de Toquio, onde o equipo español, capitaneado por Raúl Entrerríos, acadou as semifinais, sendo de novo eliminado por Dinamarca. Logrou o bronce ao derrotar no partido polo terceiro posto ao combinado exipcio.[11]
En 2023 xogou o cuarto Mundial da súa carreira, acadando outra vez as semifinais e perdendo tamén nesta edición ante Dinamarca.[12] Volveu conseguir o terceiro posto, gañando a Suecia.[13]
Nos Xogos Olímpicos de 2024 repetiu o mesmo resultado de Toquio 2020 e regresou a Galicia coa súa segunda medalla de bronce.[14] A selección española de balonmán conseguiu o pase á fase eliminatoria como terceira do seu grupo e nos cuartos de final eliminou a Exipto. Xa en semifinais caeu ante Alemaña e no partido polo terceiro posto conseguiu vencer a Eslovenia.[14] Rodrigo Corrales alternou na portería con Gonzalo Pérez de Vargas e deste xeito converteuse no quinto deportista galego en sumar máis dunha medalla olímpica, despois de Ramos Misioné, David Cal, Rodrigo Germade e Carlos Arévalo.