Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 7 de marzo de 1961 (63 anos) Moiwana, Suriname (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
8º Vice-presidente do Suriname (pt) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
16 de xullo de 2020 – ← Ashwin Adhin | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Chairman of the National Assembly of Suriname (en) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
29 de xuño de 2020 – 14 de xullo de 2020 ← Jennifer Geerlings-Simons (en) – Marinus Bee (en) → | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Member of the National Assembly of Suriname (en) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
2005 – 7 de agosto de 2020 Circunscrición electoral: Marowijne (pt) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | político, adestrador de fútbol, futbolista, membro da resistencia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Partido político | General Liberation and Development Party (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Familia | |||||||||||||||||||||||||||||||||||
Fillos | Damian Brunswijk |
Ronnie Brunswijk, nado en Moiwana, Suriname, o 7 de marzo de 1961, é un político, empresario, futbolista, narcotraficante e antigo líder rebelde surinamés, actual vicepresidente de Suriname dende 2020.[1] A principios da década de 1980 foi gardacostas persoal de Dési Bouterse, quen derrocou o goberno en 1980 nun golpe de Estado militar. Despois de ser despedido formou o Exército de Liberación de Suriname, máis coñecido como o Comando da Selva, e iniciou unha guerra civil.
Buscaba obter recoñecemento e dereitos para os cimarróns do interior, descendentes de escravos africanos fuxidos que estableceran comunidades independentes nos séculos XVII e XVIII.[2] Ademais, quería "liberar Suriname da ditadura militar".[3] As súas forzas loitaron contra o exército nacional baixo o mando de Bouterse nunha guerra civil chamada Guerra Interior de Suriname. A guerra civil abrangueu de 1986 a 1992, resultando en centos de mortos e máis de 10.000 refuxiados na Güiana Francesa,[4] e a interrupción de importantes industrias mineiras de bauxita.[5] En 1992 asinouse un tratado de paz.[6]
Brunswijk mantívose activo en política, exercendo como presidente do Partido do Desenvolvemento e Liberación Xeral (Algemene Bevrijdings- en Ontwikkelingspartij, ABOP) e como representante na Asemblea Nacional. Ademais, é propietario do club de fútbol Inter Moengotapoe, co que debutou tamén como futbolista aos 60 anos de idade. O 29 de xuño de 2020, converteuse en presidente da Asemblea Nacional de Suriname. O 13 de xullo do mesmo ano foi elixido vicepresidente. Tomou posesión do cargo o 16 de xullo.[7]
Ronnie Brunswijk uniuse ao Exército Nacional de Suriname aos 18 anos. Foi considerado un bo soldado e foi enviado a Cuba para recibir instrución no campo dos comandos. Despois de rematar a súa formación, foi nomeado gardacostas persoal de Dési Bouterse.[8] En 1984, Brunswijk pediu un aumento de salario, pero en vez de atender a súa demanda, foi despedido.[9][10] Ademais, o maior Paul Bhagwandas rexeitou entregarlle os pagos atrasados.[11]
O 22 de xullo de 1986 iniciouse en Stolkertsijver a Guerra Interior de Suriname, cando 12 soldados que vixiaban un posto de control foron capturados polo Comando da Selva dirixido por Brunswijk.[12] Ese mesmo ano, Brunswijk foi condenado in absentia por un roubo a un banco en Moengo o 26 de abril. Dito roubo bancario, un delito non violento, valeulle a Ronnie Brunswijk o título de "Robin Hood de Suriname" debido á súa liberación de fondos roubados das institucións gobernamentais que foron devoltos ao pobo.[9] Durante a guerra, o Comando da Selva recibiu armas e financiamento dos Países Baixos,[10] e o coronel neerlandés Bas van Tussenbroek foi trasladado á Güiana Francesa para transferir fondos,[13] e servir como asesor militar.[14]
O 29 de novembro de 1986, o exército surinamés vingouse ao atacar a aldea natal de Brunswijk, Moiwana, onde asasinaron polo menos a 39 veciños, na súa maioría mulleres e nenos. Queimaron a casa de Brunswijk e destruíron a aldea. Máis de 100 refuxiados fuxiron a través da fronteira cara á Güiana Francesa, que se converteu nun destino para outros refuxiados a medida que avanzaba a guerra.[5] A Corte Interamericana de Dereitos Humanos ordenou ao goberno pagar millóns de dólares en compensación aos 130 sobreviventes do ataque á aldea.[15]
O goberno e Brunswijk negociaron un alto o fogo o 21 de xullo de 1989 en Kourou,[16] e acordaron a integración do Comando da Selva no exército regular surinamés, coa responsabilidade de patrullar o seu territorio interior tradicional.[17] O goberno tamén prometeu traballos para os cimarróns na prospección de ouro e silvicultura, xa que estaban illados de moitas industrias en desenvolvemento. O 8 de agosto de 1992 asinouse un tratado de paz definitivo.[6]
Os Países Baixos procesaron tanto a Brunswijk como a Bouterse in absentia por tráfico de drogas, e ambos foron condenados. Brunswijk foi condenado a oito anos de prisión por contrabando de cocaína por un tribunal neerlandés de Haarlem.[18] Despois de recorrer a sentenza, no ano 2000 a súa pena foi rebaixada a seis anos.[19] Dende xullo de 2020 existe unha orde de arresto da Interpol contra el.[20]
En 1990 fundou o Partido do Desenvolvemento e Liberación Xeral (Algemene Bevrijdings- en Ontwikkelingspartij, ABOP), partido que preside dende entón.[21]
En decembro de 2007, no parlamento surinamés, Brunswijk e Paul Somohardjo protagonizaron unha pelexa contra Rashied Doekhi, membro do partido de Dési Bouterse. O evento foi retransmitido en directo por televisión.[22][23]
Brunswijk foi propietario de Robruns NV, unha empresa mineira dedicada á extracción de ouro. En xullo de 2020 transferiu a propiedade das concesións de ouro a unha fundación para poder optar á vicepresidencia do país.[24]
Nas eleccións de 2020 obtivo un escano na Asemblea Nacional.[25] O 29 de xuño do mesmo ano foi elixido presidente da Asemblea Nacional. Posteriormente, presentouse a vicepresidente do goberno,[26] e o 8 de xullo anunciou que sería sucedido por Marinus Bee como presidente da Asemblea Nacional.[27][28][29] Deixou o cargo o 18 de xullo, sendo o presidente da Asemblea que menos tempo estivo no cargo.[30]
O 7 de xullo a coalición nomeou a Chan Santokhi como candidato á presidencia de Suriname e a Ronnie Brunswijk para a vicepresidencia.[26] Non se presentou ningunha outra candidatura, polo que o 13 de xullo de 2020 Brunswijk foi elixido vicepresidente.[31][32] Tomou posesión do cargo o 16 de xullo na Onafhankelijkheidsplein de Paramaribo, nunha cerimonia sen público debido á pandemia de COVID-19.[33]
Á parte da súa actividade política, involucrouse no mundo do fútbol, como propietario do Inter Moengotapoe, club de fútbol con base en Moengo, no distrito de Marowijne.[34] Con este club conquistou numerosos títulos a nivel nacional ata converterse nun dos clubs máis laureados do país. No ano 2002 construíu un novo estadio para o club en Moengo, ao que chamou Ronnie Brunswijkstadion.[35] En 2005 a comisión disciplinaria da Asociación Surinamesa de Fútbol suspendeuno durante cinco anos por ameazar aos xogadores cunha pistola durante un partido. Posteriormente a suspensión foi retractada por falta de probas.[34] En xuño de 2012 foi suspendido por un ano polo seu comportamento violento cara ao árbitro e a un xogador nun partido de fútbol.[36]
O 21 de setembro de 2021 acaparou titulares en xornais deportivos de todo o mundo ao aliñarse a si mesmo como titular nas filas do club do que é propietario, o Inter Moengotapoe, nos oitavos de final da Liga CONCACAF contra o Olimpia hondureño no Franklin Essed Stadion de Paramaribo.[37][38][39][40] Converteuse así, aos seus 60 anos e 198 días, no futbolista de máis idade en disputar unha competición internacional de clubs. Xogou durante 54 minutos, portando o brazalete de capitán, antes de ser substituído na segunda metade polo seu fillo Damian Brunswijk, nun partido que acabou en derrota por 0-6.[41]
Despois do partido, saíu á luz un vídeo que mostraba a Brunswijk pagando aos xogadores do Olimpia, o que levantou sospeitas de que o partido estaba amañado. Ao día seguinte a CONCACAF iniciou unha investigación formal e tres días despois, a federación anunciou que a investigación atopara "incumprimentos graves das regras de integridade", polo que ambos os clubs foron descualificados do torneo.[42] Tamén se lle prohibiu a Brunswijk "participar de calquera xeito nas competicións da CONCACAF" durante tres anos.[43]
Un sobriño de Brunswijk, Clyde Brunswijk, é un loitador profesional de kick boxing.[44] Outro dos seus sobriños, Steven Brunswijk, é un famoso cómico e personalidade televisiva neerlandesa.[45]