Tipo | ría | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Océano Atlántico | |||
Localización | ||||
División administrativa | Provincia da Coruña, España e Provincia de Pontevedra, España | |||
| ||||
Afluentes | ||||
A ría de Arousa, tamén coñecida localmente como ría da Arousa,[1] é a máis grande das rías de Galicia. Forma parte das Rías Baixas e está situada entre a península do Barbanza (provincia da Coruña) ao norte, e a península do Salnés (provincia de Pontevedra) ao sur. É famosa pola súa riqueza mariñeira e as súas praias.
Os lugares máis destacables son A Illa de Arousa, co parque natural de Carreirón, as illas de Cortegada e Sálvora, que son parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e O Grove coa illa da Toxa.
Régana os ríos Ulla e Umia. As poboacións máis importantes son Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ao norte e Vilagarcía, Vilanova, Cambados e O Grove ao sur.
A súa costa meridional empeza a desenvolverse a partir do estuario do río Ulla, entre Rianxo e Carril. Este fondo da ría ten un aspecto lacustre, debido á tranquilidade das augas, protexidas do mar aberto pola Illa de Arousa, e a suavidade do litoral. O centro desta zona é a vila populosa e industrial de Vilagarcía de Arousa. Un segundo sector estará formado pola costa que vai dende a punta das Sinas, ata a Illa da Toxa.
A histórica e monumental vila de Cambados é o principal punto de referencia, e os accidentes costeiros sobresalientes son o seo da desembocadura do Umia e a enseada do Grove, tamén de aspecto lacustre. A península do Grove ten a braveza do mar aberto que case non paran nin o vento nin o mar, que se fai notar na súa costa e praias.
A profundidade tamén oscila entre os 70 m na boca da ría e os 20 m na entrada á enseada de Vilagarcía. É a máis profunda e máis ampla das rías galegas[Cómpre referencia], só superada pola ría de Vigo en lonxitude.
A penetración da ría é de 26 km e o ancho moi variable, oscilando desde os 15 km entre Ribeira e Cambados, e os 3 km entre a punta de Cabío e a Illa de Arousa.
A principal característica, a parte do sinuoso e recortado litoral, é a infinidade de illas, illotes e rochas que sobresaen por toda a ría.
A Ruta Marítima Xacobea pola ría de Arousa e o río Ulla conmemora a chegada a Galicia, por mar, segundo a tradición, do corpo do Apóstolo Santiago o Maior, tralo seu martirio en Xerusalén; ordenou a súa decapitación Herodes Agripa I no ano 44, recóllese nos Feitos dos Apóstolos, de san Lucas.
As antigas tradicións cristiás, recollidas nos textos medievais, relatan que varios dos seus discípulos recolleron o corpo de Santiago, amortallárono e trasladárono partindo do porto de Iafa a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica, ata os confíns de Occidente. Os restos do Apóstolo entraron en Galicia pola ría de Arousa e remontaron o río Ulla, arribando na cidade romana de Iria Flavia.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ría de Arousa |