SMS Grosser Kurfürst | |
---|---|
Ilustración de recoñecemento dun buque da clase König | |
Historial | |
Estaleiro | Germaniawerft, Kiel |
Clase | König |
Tipo | acoirazado |
Posta en grella | outubro de 1911 |
Botado | 5 de maio do 1913 |
Asignado | 30 de xullo de 1914 |
Destino | barrenado o 21 de xuño de 1919 en Gutter Sound, Scapa Flow |
Características xerais | |
Eslora | 175,4 m |
Manga | 29,5 m |
Calado | 9,19 m |
O SMS Grosser Kurfürst foi o segundo acoirazado dos catro barcos da clase König. O Grosser Kurfürst (ou Großer Kurfürst) servíu na Mariña Imperial alemá durante a Primeira Guerra Mundial. O acoirazado foi posto na grella en outubro de 1911 e botado o 5 de maio do 1913. Foi formalmente asignado á Mariña Imperial o 30 de xullo de 1914, días antes de que estoupase a guerra entre Alemaña e o Reino Unido. O seu nome significa "Gran Elector", e refírese a Federico Guillerme I, o príncipe elector de Brandeburgo. O Grosser Kurfürst foi armado con 10 canóns de 305 mm en cinco torretas xemelgas e podía acadar unha velocidade máxima de 21 nós.
Xunto cos seus tres barcos irmáns, o König, o Markgraf e o Kronprinz, o Grosser Kurfürst tomou parte na meirande parte das accións da frota durante a guerra, incluída a batalla de Xutlandia entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916. O barco foi obxectivo de fogo pesado en Xutlandia, pero non foi gravemente danado. Bombardeou posicións rusas durante a Operación Albion en setembro e outubro de 1917. O Grosser Kurfürst estivo involucrado en varios accidentes durante a súa carreira; chocou co König e o Kronprinz, encallou varias veces, foi torpedeado unha, e impactou cunha mina.
Despois da derrota alemá e da sinatura do armisticio en novembro de 1918, o Grosser Kurfürst e a meirande parte dos buques capitais da Hochseeflotte foron internados pola Royal Navy en Scapa Flow. Os barcos foron desarmados mentres as potencias aliadas negociaban a versión final do Tratado de Versalles. O 21 de xuño de 1919, días antes de que o tratado fose asinado, o comandante da frota internada, o contraalmirante Ludwig von Reuter, ordenou afundir os barcos da frota para asegurarse de que os británicos non puidesen apoderarse deles. A diferenza dos seus irmáns, o Grosser Kurfürst foi refrotado en 1938 e desguazado en Rosyth.