Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XIII |
Morte | século XIV |
Actividade | |
Ocupación | modelo artístico, escultora |
Descrito pola fonte | Dictionary of Women Worldwide |
Sabina von Steinbach foi unha mestra escultora do século XIII á que se atribúen un grupo de estatuas da porta sur da catedral de Estrasburgo, algunhas da catedral de Magdeburgo e da catedral de Notre-Dame de París.[1] Porén, a súa existencia non está confirmada e arredor dela existe toda unha lenda.[2]
De acordo con algunhas fontes, a primeira mención escrita sobre a súa persoa remóntase a 1617 e foi realizada por Schadeus ao describir a catedral de Estrasburgo, da que en 1275 finalizara a construción. A torre comezárase en 1277 polo arquitecto e mestre construtor Erwin de Steinbach, que contou coa axuda da súa filla Sabina, que era unha hábil escultora.
As mulleres estaban admitidas na maioría dos gremios de oficios durante a idade media, mais a adhesión a un gremio non daba automaticamente o dereito a ser aprendiz. Non obstante, iso implicaba que as mulleres puidesen compartir todas as vantaxes relixiosas e financeiras dos adheridos aos gremios. Se un mestre-artesán falecía, o seu cargo pasaba á súa esposa, que podía retomar o oficio. Isto realizábase facilmente coa axuda doutro artesán que moitas veces adquiría o cargo casando coa viúva.
Os tallistas en pedra viaxaban lonxe con frecuencia; os traballos de construción podían durar decenios e levaban con eles a súa familia. O emprego por Steinbach da súa filla Sabina entre os escultores de Estrasburgo era unha irregularidade que se cometera dentro dunha loxa provincial, descoidada na observación das regras do gremio. Ata a anexión da cidade por Francia en 1681, a sede do gremios dos escultores alemáns situábase en Estrasburgo e mesmo ata 1760 as loxas alemás rendían tributo á loxa desa cidade. Albert Mackey, en Enciclopédie de la Franc-maçonnerie, expón a teoría de que a construción da catedral de Estrasburgo en 1275 é o acontecemento fundador da francmasonaría.
Segundo certas fontes, Sabina proseguiu o traballo do seu pai en Estrasburgo despois da morte do mestre e finalizouno. Outras sosteñen que simplemente axudou o seu pai. Non obstante, admítese comunmente que Sabina foi a autora das estatuas que personifican a igrexa e a sinagoga (as dúas do século XIII), que están situadas nas portas sur da catedral. Tamén en Estrasburgo deixaría a súa sinatura nunha estatua de Xoán o Evanxelista que sostén un pergamiño que di en latín: «Grazias á gran piedade desta muller, Sabina, que me deu forma nesta pedra dura.»[1]
Steinbach casaría con Bernard de Sûnder, tamén masón e construtor, co que traballou na catedral de Magdeburgo.[1] Trala morte do seu pai en 1318 continuaría a traballar na catedral de Estrasburgo xunto a un irmán, aínda que existen dúbidas sobre o seu verdadeiro papel dentro do gremio.[1]
Segundo a tradición que forma parte da lenda sobre ela, o mestre Erwin antes de morrer pediu á súa filla que finalizase a obra que el iniciara. Ela xúrao e esa noite aparéceselle en soños unha traza marabillosa do que queda por executar na catedral: a fachada principal. Ao espertar, cre que o seu soño é froito da inspiración divina, desenvolve o deseño e preséntao aos responsables da construción, que aceptan o proxecto. Os traballos reanúdanse e culmínase con éxito. Segundo esa mesma tradición, Steinbach chegou a autorretratarse nas figuras da igrexa e da sinagoga.[2]
Anos despois parece situada en París, onde viviría nos poboados construídos arredor de Notre Dame, onde convivían os masóns que traballaban na construción.[1]
A pesar de que era notorio que Sabina traballara nas esculturas da catedral de Estrasburgo a principios do século XIV, as primeiras referencias ao seu traballo non están constatadas ata 300 anos despois, e estas presentan controversias se se atende á datación das obras.
Esta teoría é discutida igualmente por dúas historiadoras da arte. Leslie Ross, no seu traballo Artists of the Middle Ages, afirma que a historia de Sabina foi creada co fin de novelar a existencia de Erwin von Steinbach. Non hai efectivamente ningunha dúbida de que realmente existiu, mais sábese tan pouco sobre o que fixo que é preciso «descubrilo», dixo Ross:[3]
A filla de Erwin, Sabina von Steinbach, fora tamén «descuberta» no século XIX. Segundo unha inscrición (desafortunadamente desaparecida) nunha das esculturas no exterior da catedral de Estrasburgo (chamada Savinae), un erudito do século XIX atribuíalle varias esculturas notables, tanto no interior coma no exterior da catedral, a unha escultora descoñecida mais enormemente talentosa, Sabina von Steinbach, filla de Erwin. O feito de que as esculturas en cuestión se remonten a un período anterior polo menos en catro décadas aos traballos de Erwin na catedral non fora establecido nese momento, polo que non supuña ningún problema en particular. O nome de Sabina von Steinbach continúa a aparecer nos estudos sobre mulleres artistas na idade media.[4]
Outra historiadora da arte, Natalie Harris Bluestone, no seu libro Double Vision: Perspectives on Gender and the Visual Arts, achega datos complementarios:[5]
A lenda de Sabina arráigase nunha mala lectura e peor tradución dunha inscrición no pórtico que menciona unha tal «Sabina» como doadora que fixo posible que as esculturas se realizaran a partir dunha petra dura ou "rocha dura" (enténdase «cara»). «Steinbach» é só unha tradución literal de petra dura, mais quizais se arraigue no desexo de elaborar unha lenda que se agranda arredor do nome (este si documentado) de Erwin. De feito, o estilo dos retratos pseudosabeanos, Ecclesia e Synagogue, indica que se fixeron arredor de 1225, uns cincuenta anos antes das actividades documentadas de Erwin e bastante antes da súa morte, que na lenda, é a ocasión para inserir a existencia de Sabina.[6]
Máis adiante engade no mesmo libro:
Non obstante, a verdade inherente desta lenda constitúe un exemplo da tradición medieval occidental: a muller artesá que aprende a súa arte do pai artista (ou doutro parente masculino: marido, irmán, tío). Nestas circunstancias, a muller dun membro dunha caste de artesáns tería acceso a esta formación. Se o artesán varón morría, a filla/esposa/irmá/sobriña podería herdar o traballo por finalizar e así continuar explotando o obradoiro. Os rexistros dos gremios de finais da idade media describiron regularmente as mulleres como socias dos negocios e estaban autorizadas, elas soamente, a herdar e a proseguir o artesanado do defundo marido.[7]
En calquera caso, Sabina von Steinbach converteuse nun símbolo das mulleres que de xeito anónimo traballaron como artesás na idade media. Ferrer Valero pecha o capítulo dedicado a ela con estas palabras:[2]
Non existen probas totalmente concluíntes sobre a existencia de Sabina e o seu papel como mestra construtora, masoa e escultora. Mais a súa historia podería ser certa e simboliza a todas as mulleres que traballaron na construción das catedrais europeas na idade media ralizando traballos aparentemente reservados aos homes.