Biografía | |
---|---|
Nacemento | setembro de 1952 Marrakech, Marrocos |
Morte | 11 de decembro de 1977 (25 anos) Casablanca, Marrocos |
Causa da morte | Folga de fame |
Relixión | Islam |
Educación | Universidade Mohammed V |
Actividade | |
Ocupación | política, mestra, sindicalista, activista polos dereitos das mulleres, poetisa |
Membro de | |
Premios | |
Saida Menebhi[1], nada en Marrakech en setembro de 1952 e finada en Casablanca o 11 de decembro de 1977[2] foi unha profesora e activista do feminismo marroquí, militante do movemento marxista-leninista Ila l-Amam (literalmente, «Adiante»).
Tras terminar o bacharelato, estudou literatura inglesa na Universidade de Rabat. Alí comezou a militar no sindicato estudantil Unión Nacional de Estudantes de Marrocos a través do seu compoñente comunista Vía Democrática, movemento marxista-leninista marroquí fundado na década de 1970 por opositores comunistas, que reivindicaba a independencia do Sáhara Occidental.[2] Durante dous anos cursou o primeiro ciclo no Centro Pedagóxico Rexional, e posteriormente ensinou inglés nun instituto de Rabat.[3] Uniuse na clandestinidade ao movemento marxista-leninista Ila al-Amam e ao primeiro sindicato marroquí, a [[Unión Marroquí do Traballo.[2]
Nun contexto de intensificación da represión e do aumento do número de detencións en Marrocos, no período coñecido como anos de chumbo), o 16 de xaneiro de 1976 foi detida xunto con outras tres mulleres -Rabea Ftouh, Pierra di Maggio e Fatima Oukacha- polas súas actividades políticas en Ila al-Amam.[3] Sufriu torturas físicas e psicolóxicas no centro de detención Derb Moulay Cherif de Casablanca.
En 1977 foi xulgada xunto con outros 138 inculpados por atentado contra a seguridade do estado. Durante as audiencias reafirmou o seu apoio á autodeterminación do pobo saharauí.[3] Tamén denunciou a opresión que sufrían as mlljeres en Marrocos. Foi condenada a cinco anos de prisión máis outros dous por inxuria a maxistrado.[4] Se ben os demais militantes condenados no proceso foron trasladados ao cárcere central de Kenitra, Saida Menebhi, Rabea Ftouh, Abraham Serfaty e Fatima Oukacha ingresaron na prisión de Casablanca.[5]
Despois dunha folga de fame de 34 días, faleceu no hospital Averroes de Casablanca.
Escribiu numerosos poemas, antes e durante a estancia en prisión, nos que denunciou o réxime represivo de Hasan II de Marrocos, e deixou escrita a súa esperanza nunha sociedade mellor.[2]