Nome orixinal | (es) Salvador Freixedo Tabarés |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 23 de abril de 1923 O Carballiño, España |
Morte | 25 de outubro de 2019 (96 anos) |
Relixión | Agnosticismo |
Educación | Universidade Pontificia Comillas |
Actividade | |
Ocupación | Ufólogo |
Orde relixiosa | Compañía de Xesús |
Descrito pola fonte | Obálky knih, Medvik >>>:Freixedo, Salvador, 1923-, |
Salvador Freixedo Tabarés, nado no Carballiño o 23 de abril de 1923 e finado o 25 de outubro de 2019,[1] foi un ex-sacerdote católico galego e ex-membro da Compañía de Xesús, ufólogo e investigador de temas paranormais.
Fillo de Salvador Freijedo Sainz, oficial de Correos no Carballiño e despois notario. Nado nunha familia profundamente relixiosa (o seu irmán foi xesuíta e a súa irmá monxa). Aos cinco anos a familia trasladouse a Ourense, onde iniciou os seus estudos, fixo párvulos nas monxas de San Vicente Paúl e o bacharelato no Instituto Otero Pedrayo. Aos dezaséis anos ingresou na Compañía de Xesús sendo ordenado sacerdote en 1953, en Santander, pertencendo a esta orde trinta anos. Residiu en varios países de América dende 1947 como xesuíta, ensinando Historia da Igrexa no Seminario Interdiocesano de Santo Domingo de Guzmán (República Dominicana), e fundando o Movimiento de la Juventud Obrera Cristiana en San Xoán de Porto Rico sendo viceasesor nacional do mesmo na Habana. Cursou estudos de humanidades en Salamanca,[2] de filosofía na Universidade de Comillas, de teoloxía no Alma College de San Francisco, de ascética no Mont Laurier (Quebec), de psicoloxía na Universidade de Los Angeles (California) e na Universidade de Fordham de Nova York.
Dende a década de 1950 a súa posición crítica coas posturas da Igrexa católica e a publicación dalgúns libros levárono á cadea e á expulsión de Cuba e Venezuela, así como á súa exclusión dos Xesuítas en 1969. Dende os anos setenta dedicouse á investigación no campo da parapsicoloxía, en especial do fenómeno ovni, e a súa relación co fenómeno relixioso e coa historia humana, publicando diversos libros sobre o tema, e fundado o Instituto Mexicano de Estudios del Fenómeno Paranormal, do que presidiu o Primeiro Gran Congreso Internacional organizado esta institución.
Foi invitado como relator en congresos internacionais, así como colaborador de revistas paracientíficas, como Mundo Desconocido,[3] Karma 7 ou Más allá de la Ciencia[4] entre outras. Tamén participou en programas de radio e televisión dedicados a este tipo de temáticas.
A partir da súa ruptura coa Compañía estudou a fenomenoloxía paranormal, considerándoa como unha fiestra cara outras realidades ou dimensións da existencia. Froito das súas viaxes, investigacións e reflexións publicou máis de trinta libros (varios sobre a relación da relixión cos extraterrestres), como: