Salvador Illa Roca, nado en La Roca del Vallès o 5 de maio de 1966, é un político catalán, secretario da organización do Partido dos Socialistas de Cataluña (PSC) dende 2016, e presidente da Generalitat de Catalunya dende 2024. Foi alcalde de La Roca del Vallès en dous períodos separados entre 1995 e 2005. Foi ministro de Sanidade de España do 13 de xaneiro de 2020 ao 26 de xaneiro de 2021,[1] durante o segundo goberno de Pedro Sánchez; deixou o cargo para presentarse como candidato do PSC ás eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021.
Nado o 5 de maio de 1966 en La Roca del Vallès,[2][3] en Vallès Oriental, licenciouse en Filosofía pola Universidade de Barcelona. Converteuse en rexedor do concello de La Roca no ano 1987. Afiliado ó Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) dende 1995,[4] foi investido alcalde de La Roca en 1995, logo do pasamento do daquela alcalde Romà Planas.[5] Desaloxado da alcaldía logo dunha moción de censura en febreiro de 1999, volveu á alcaldía despois das eleccións municipais de xuño de 1999, nas que a lista do PSC obtivo unha maioría absoluta.[5]
De setembro de 2005 a abril de 2009 foi director xeral de Xestión de Infraestruturas do Departamento de Xustiza da Generalitat de Cataluña.[6][7]
Foi director da Área de Xestión Económica do Concello de Barcelona entre 2010 e 2011 e coordinador do Grupo Municipal Socialista no Pleno municipal entre 2011 e 2016.[8]
En novembro de 2016, Miquel Iceta escolleu a Illa para o cargo orgánico de secretario da Área de Organización do PSC.[9] Durante o proceso independentista, Illa foi un dos principais representantes do PSC nas manifestacións da entitade Sociedade Civil Catalá.[10]
O 13 de xaneiro de 2020, Illa entrou a formar parte do novo goberno de Pedro Sánchez como Ministro de Sanidade, cargo que anteriormente ocupaba María Luisa Carcedo. O 30 de decembro de 2020 foi designado polo Consello Nacional do PSC como cabeza de lista ás eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021,[11] e o 26 de xaneiro de 2021 deixou o cargo de ministro de Sanidade.[1]
A finais de decembro de 2020, o PSC anunciou que o primeiro secretario do partido, Miquel Iceta, faría un paso atrás e non sería o candidato do Partido Socialista nas eleccións autonómicas catalás de 2021; e no seu canto, o candidato sería o daquela ministro de Sanidade, Salvador Illa.
Nas eleccións, que tiveron lugar o 14 de febreiro de 2021, o partido que representaba Illa conseguiu ser o máis votado con 651 627 votos e 33 escanos.[12]