Samuel Latham Mitchell, nado en Hempstead, condado de Nassau, Estado de Nova York o 20 de agosto de 1764, e finado na cidade de Nova York o 7 de setembro de 1831, foi un médico, naturalista e político estadounidense.
Samuel L. Mitchill doutorose en Medicina en 1786 na Universidade de Edimburgo, Escocia. Ao su regreso aos Estados Unidos, comezou a traballar como médico e completou os estudos de Dereito.[1]
Mitchill foi membro da Asemblea do estado de Nova York en 1791 e, máis tarde, en 1798. En 1801 foi elixido para formar parte da Cámara de Representantes dos Estados Unidos como membro do partido Demócrata-Republicano. En novembro de 1804 deixou o posto que ocupaba e pasou ao Senado en representación de Nova York, permanecendo no cargo até novembro de 1809. Ao ano seguiente regresou como membro da Cámara de Representantes até marzo de 1813.[1]
Na súa actividade política mostrou especial interese pola mellora da mariña estadounidense. Como membro da Asemblea do estado de Nova York logrou financiamento para os ensaios con barcos de vapor que Robert Fulton e Robert R. Livingston realizaron en augas de Nova York. Desde Washington, DC preocupouse por temas tan variados como a calidade da pólvora ou a mellora da saúde dos mariños.[2]
Durante a Guerra anglo-estadounidense de 1812 formou parte dunha comisión da US Navy para o desenvolvemento e mellora da armada e a defensa das costas e os portos.[3]
Entre 1792 e 1801 foi profesor no Columbia College, dependente da Universidade de Columbia, onde impartiu clases de química, botánica e historia natural entre 1792 e 1801.[4] Nesta época impulsou a creación de The Medical Repository, a primeira revista médica dos Estados Unidos, da que foi editor e na que publicou numerosos artigos, tanto de medicina como de historia natural.
En 1795 expuso unha teoría sobre o contaxio de enfermidades que, aínda que resultou errónea, permitiulle descubrir as calidades anestésicas do óxido nitroso cinco anos antes de que as fixese públicas Humphry Davy.[5]
En 1796 estudou a xeoloxía da conca do río Hudson e divulgou as súas observacións no primeiro e no segundo volume de The Medical Repository en 1798 e 1799 baixo o título de Sketch of the Mineralogical History of the State of New York.[6]
Tamén desde o punto de vista xeolóxico, Mitchill ofreceu en 1815 unha detallada explicación do terremoto de Nueva Madrid (Missouri) que se produciu o 16 de decembro de 1811.[7][8]
Despois dunha longa carreira política, en 1813 volveu dar clases no New York College of Physicians and Surgeons, dependente da Universidade de Columbia, do que fora un dos seus fundadores.[2]
Entre os múltiples estudos que realizou sobre historia natural destacan os dedicados á botánica de América, recollidos no discurso que pronunciou en 1813 na Sociedade Histórica de Nova York[9] e o seu texto Fishes of New York[10] (1815), que incluía a descrición de 166 especies de peixes de auga doce e salgada[11] que se considera unha das obras ictiolóxicas máis importantes da súa época.[12]
Foi membro activo de numerosas sociedades científicas, algunhas das cales axudou a fundar. Entre 1797 e 1820 ocupou o cargo de secretario da American Philosophical Society de Filadelfia e foi presidente da Sociedade Mineralóxica Americana. En 1814 fundou a New York Literary and Philosophical Society e, en 1817, o Lyceum of Natural History of New York (que máis tarde se convertería na Academia de Ciencias de Nova York). En 1821 presidiu a New York State Medical Society e, en 1826, fundou o Rutgers Medical College en Nova Jersey e foi seu vicepresidente durante os catro anos que perdurou a institución.[13]
A abreviatura Mitchill emprégase para recoñecer a Samuel L. Mitchill como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.