Sarah Kofman

Modelo:BiografíaSarah Kofman

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento14 de setembro de 1934 Editar o valor en Wikidata
10º distrito de París, Francia Editar o valor en Wikidata
Morte15 de outubro de 1994 Editar o valor en Wikidata (60 anos)
15º distrito de París, Francia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortesuicidio Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Montparnasse Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversity of Valparaíso (en) Traducir
Lycée Saint-Sernin (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfilósofa, profesora universitaria, autobiógrafa, escritora Editar o valor en Wikidata
EmpregadorUniversidade de París Editar o valor en Wikidata
Influencias

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1178728

Sarah Kofman, nada en París, Francia o 14 de setembro de 1934, e finada ibídem o 15 de outubro de 1994, foi unha filósofa, escritora, ensaísta e docente de orixe francesa. Foi unha psicanalista e crítica literaria cuxa obra e metodoloxía permitiu unha revisión dos textos de Freud, Nietzsche e Jean-Jacques Rousseau entre outros.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Nada en París (14 de setembro de 1934) viviu a ocupación alemá (14 de xuño de 1940 - 6 de xuño de 1944) o que marcou fondamente a súa traxectoria e pensamento.

Filla do rabino Bereck Kofman e da súa muller Fineza Koeing. Viviu na Rue Ordener de París ata o arresto do seu pai o 16 de xuño de 1942. Tras o traslado do seu pai a Auschwitz, en 1943, viviu refuxiada por unha viúva na Rue Labat á cal nos seus escritos bautizará coma Mémé. Mémé xogou un papel fundamental na educación de Kofman, Durante o período de posguerra, Kofman viviu en múltiples institucións destinadas para a residencia de nenos afectados pola guerra, ata que regresou a París coa súa nai. Graduouse no Lycée Jules-Ferry, e posteriormente no Lycée Fénelon, onde cursará estudos para acceder á École Normal Supérieure (ENS)[1]. A súa gradación na ENS veu dada polo seu ensaio acerca de Platón e a Linguaxe. Cursou os estudos de Filosofía na universidade París I Panthéon-Sorbonne e en 1960 comezou a súa carreira coma docente na universidade de Tolouse. En Tolouse traballou no denominado Lycée Saint-Sernin onde coincidiu con figuras coma Jean Hyppolite e Gilles Deleuze; este último influíu determinantemente na súa produción. Deleuze foi quen supervisou a súa tese doutoral que publicou finalmente en 1972 baixo o título Nietzsche et la métaphore. En 1963 abandonou Tolosa para retornar a París, ao Lycée Claude Monet, onde pasou os sete anos seguintes. En 1969 coñeceu a Jacques Derrida, a quen admirou e con quen colaborou para a produción da obra conxunta Lectures de Derrida (1984). Xunto con Derrida colaborou na reforma do sistema de ensinanza filosófico francés e publicará na editorial Galilée fundada en 1971 polo mesmo Derrida. Entre 1968 e 69 asistiu aos seminarios impartidos por Derrida na ENS. Xunto con Jean-Luc Nancy, Philippe Lacou-Labarth e Jacques Derrida, dirixiu a colección publicada pola editorial Galilée titulada « La philosophie en effet ». Kofman foi nomeada Catedrática da Universidade da Sorbona en 1991. En 1994 publicou a súa autobiografía Rue Ordener, rue Labat; ese mesmo ano, o 15 de outubro, suicidouse en París. Tras a súa morte, Derrida dedicoulle o capítulo once do seu libro The Work of Mourning.[2]

Pensamento

[editar | editar a fonte]

A pesar do silencio que sufriron os seus traballos tras a súa morte, destaca a súa gran capacidade crítica que serviría como influencia das seguintes correntes filosóficas, especialmente nas correntes feministas. O pensamento de Kofman ten as súas bases nun conxunto de lecturas suspicaces co obxectivo de deconstruír os prexuízos metafísicos presentes nos textos dos grandes filósofos. A súa pretensión non é, en efecto, construír un sistema filosófico, senón simplemente ler para descubrir, no fondo dos grandes sistemas, os mecanismos que se empregaron para a súa construción, os móbiles, os intereses da especulación. Así foi como revisando as lecturas de autores como Nietzsche e Freud, conseguiu demostrar non soamente a validez ou a invalidez dos seus argumentos, senón tamén interpretalos no seu contexto para demostrar como son o resultado das intencións coas que estes intelectuais comezaban a escribir as súas obras. Así, conseguiu entender máis alá do escrito, reinterpretou a motivación e foi capaz de indicar como a dirección á que apuntaban os argumentos dalgúns autores era acertada ou errónea[3]

Influencia de Nietzsche

[editar | editar a fonte]

Ao falar da obra de Kofman é preciso ter en conta unha serie de autores que, xa nos seus inicios marcaron o seu pensamento, e moitos deles acompañárona ao longo de toda a súa traxectoria. Un deles foi Friedrich Nietzsche, sobre o que elaborou textos acerca do seu pensamento, recollidos nas obras Nietzsche et la métaphore (1971); Nietzsche et la scène philosophique (1979); e Le mépris de juifs, Nietzsche, les juifs, l’antisemitisme (1994). Dentro das temáticas que abordou arredor da obra do filósofo alemán cabe destacar, en concreto, a reinterpretación da valoración da muller, a cal entrelaza con outras lecturas doutros autores tales como Freud. En especial entre estes dous autores crea unha interrelación entre o método psicanalítico e a inspiración nitzschiana, respectivamente, para chegar así a unha nova elaboración dos pensamentos[4].

Kofman interésase na obra de Nietzsche pola súa lonxitude respecto das categorías convencionais. A súa mestura de estilos e procedementos inauditos, privilexiando a metáfora, proporciona á autora unha fonte sólida e ampla fonte de pensamento na súa obra. O uso pouco común de discurso que elimina a oposición entre forma e contido caracteriza para a autora a “nova arte da lectura”[5]

No seu primeiro libro, Nietzsche et la métaphore, trata xa a relación entre Nietzsche e Freud, sobre todo na concepción das pulsións, os lugares da metáfora e do inconsciente. Este, seguirase da obra Nietzsche et la scène philosophique, e a continuación Le mépris de juifs, Nietzsche, les juifs, l’antisemitisme, escrito o mesmo ano no que se suicida e coincidindo en día e mes co 150 aniversario do nacemento do filósofo. Neste último libro trata de facer xustiza ó filósofo e ao seu Zaratustra, trala interpretación nazi do autor. Fronte a acusación do autor coma antisemita, trata de matizar certos aspectos que considera inxustos ou mal interpretados debido á ambigüidade coa que se atende ao pensamento nitzschiano e as posicións paragóxicas dalgúns textos.

Dende unha perspectiva psicanalítica, e a partir das lecturas de Jacques Lacan e Melanie Klein, Kofman leva a cabo unha análise do texto, propondo unha metodoloxía hermenéutica acerca das cuestións que conforman unha base para a análise do texto e a súa reescritura do suxeito mesmo. Cabe destacar o propio título co cal denomina a súa obra: Cartas mortas a Nietzsche ou a arte necromántica de ler filosofía. Esta análise que realiza a autora do autor alemá é, dende o seu punto de vista, un resucitar do autor e un poñelo en contexto na actualidade; as cartas son cartas mortas porque non van chegar ó seu destinatario, e se chegan, considéraas como postas ó servizo dunha filosofía necromante.

Kofman desfrutaba lendo, considerábase a si mesma lectora de filosofía ademais de filósofa. Para ela a lectura e escritura van da man e non concibe unha sen a outra. Trata de renovar a lectura dos grandes textos filosóficos pero deconstruíndoos e reinterpretándoos. Sobre as súas lecturas pódese apreciar a labor de decostrucción e análise crítica do sistema metafísico e, en especial, a oposición masculino/feminino en tanto que son entendidas coma categorías esencialistas. Mostra constantemente como o feminino é rebaixado e as mulleres son depreciadas nos textos, incluso cando non son o tema central. Considera que case todos os grandes textos da filosofía teñen esta perspectiva, como manifesta na obra Aberrations. Le devenir-femme de August Comte (1978), na cal afirma que a muller é rebaixada en multiplicidade de casos e como, finalmente, remite a unha posición sexual determinada.

En definitiva, a partir do seu interese no estudo sobre o filósofo alemán, considérase que na súa obra existe un “Nietzsche de Kofman”, pois construíu un novo punto de interpretación desde unha visión que exerce unha lectura sintomática.

Crítica a Freud

[editar | editar a fonte]

Kofman seguiu extensamente o pensamento freudiano, examinando as súas lecturas e afinando o concepto da feminidade postulado dende a psicanálise. Kofman sinalaba en Freud a profundidade da imaxe patriarcal da figura materna. A idealización da muller ao longo da historia como a figura maternal perfecta, ou o entronizamento da nai como denomínao Kofman, foi unha caracterización dos homes por protexer ás mulleres da súa carencia de falo. As teses psicanalistas demostraron que a nai, definida como a muller que cría a un neno, e sendo unha figura determinante no condicionamento da psique, é un atentado contra a masculinidade psicosocial. Isto débese a que os valores sociais asociados ao concepto de “nai”, tales como coidado, fonte de vida ou a relación co orixe do natural (nai natureza); chocan coa visión da muller como o sexo débil, contrario e incluso ruinoso para o sexo masculino. Así é como naceron os conceptos da psicanálise como o Edipo en Freud ou as Nais Frigorífico en Bettelheim, a través deste choque de valores.

Kofman profundou neste desacerto acerca da muller freudiana na súa obra L’Énigme de la femme (1980), partindo da contrariedade de Kofman ante críticas dalgunhas autoras que partían desde prexuízos masculinos. A autora francesa comenta que Freud sacou a plena luz, xunto coas súas relacións incestuosas criminais, o sexo da muller, da nai. En palabras de Kofman, para a psicanálise, a sexualidade da muller seguía sendo algo cuberto por un escuro pano. Este pano é algo que o psicanalista deberá de resolver, o que creará unha situación de heterodesignación a través da culpabilización da alteridade da muller, propondo un remedio que ao mesmo tempo un veleno porque non pode curalas senón contaminalas, obrigándoos a “colaborar”, a aceptar o punto de vista do outro, do home, que se considera ter a verdade. A solución psicanalítica devolve á muller a súa palabra para quitarlla mellor, para subordinala mellor á do señor. A muller debe convencerse de que está enferma e precisa dun analista varón para axudala. Freud colocou a muller como sexo ao que temer dende a masculinidade, xa que todo o relacionado coa feminidade parte desde a enfermidade da muller por querer desenvolverse a si mesma.

Así é como se o carácter "reactivo", o resentimento, a envexa, se atribuísen só ás mulleres, polo menos no seu carácter "excesivo", é dicir patolóxico. Entre o desexo da nena e o do home, a diferenza é simplemente paulatina, a que vai do patolóxico ao normal: para ambos sexos, o desexo é por natureza unha carencia infinita, unha avidez que nada podería calmar. Isto levaría a elaborar supostos psicolóxicos que explicaran a libido maligna da muller, como a suposta envexa inherente das mulleres cara aos homes pola súa falta de pene. Así, a maternidade interprétase como o desexo da muller de ter un pene, con motivo de desexar o neno como substituto do pene. Pero se isto é así, razoa Kofman, o que guía a maternidade feminina é de novo a envexa do pene, o desexo de posuír un pene que se acougue na correspondencia simbólica entre o pene e o neno-varón que o porta. Atribuír a diferenza moral e cultural entre homes e mulleres a unha diferenza de destino dos complexos é xustificar, en nome da natureza, a represión cultural da muller, é lexitimar todas as desigualdades culturais e sociais apelando a unha evolución da libido que, por ser longa e dolorosa na muller, a obrigaría a quedar atrás. Por isto, se a muller é hostil e expresa frixidez ante os estímulos sexuais do seu marido, o psicanalista interpreta que isto non ten nada que ver coa súa resistencia ao estado de submisión, senón que, por contaminación, sofre unha ferida narcisista que demostra a inevitable envexa do pene. Ademais, todo isto parte do suposto biolóxico da envexa da muller pola falta de pene, formulado como unha rocha inamovíbel que fundamenta os estratos desta definición de feminidade sen evidencia algunha máis que a conxectura teórica do rexeitamento da muller aos seus órganos sexuais supostamente incompletos, o que demostra de novo o patriarcal desta visión. As particularidades femininas non son pensadas por Freud como fluídas ou flexibles, senón que pretende que sexan fixas e inamovibles aos trinta anos, de tal xeito que aquí se detén e se cosifica ese eterno feminino, que xa non vai ser susceptible de cambios.

Kofman parece inclinada a ler a envexa do pene como unha obsesión particular do analista, onde a muller queda excluída da súa propia estrutura de desexo e segue orientada e determinada, por razón da natureza, a posuír ou envexar o órgano masculino, asimilándose así ao masculino entendido como xenericamente humano.

Feminismo

[editar | editar a fonte]

Kofman dedicou boa parte do seu traballo a falar da muller e da súa posición social e cultural. Os estudos feministas de Kofman non son independentes da súa obra, senón que se intercalan coas lecturas que a propia autora fai das distintas pensadoras que ocupan a súa bibliografía, e coa tradición psicanalista e deconstrutivista da que ela mesma parte á hora de facer as vosas análises[6]. Destacan os comentarios que fai a autora sobre a cuestión da muller e do que é feminino respecto da opinión e declaracións doutras autoras sobre o mesmo tema. Partindo, como a maioría das feministas da súa época, da obra da pensadora francesa Simone de Beauvoir, especialmente da súa obra O segundo sexo (1949), Kofman critica certas ideas defendidas pola autora. Así, non coincidirá con Beauvoir na relación que esta establece entre as nocións de maternidade e servidume da muller, decantándose por defender a experiencia da nai cara aos seus fillos coma se fosen partes do seu corpo, e especificando que superada a educación de orientación xudía-cristiá, esta relación deviría en prácticas de corresponsabilidade dos país e igualdade entre nenos e nenas. Tamén a concepción da muller como alteridade do hexemónico e xenérico que se viría identificando como masculino é criticada por Kofman. A autora, crítica con calquera forma de esencialismo, reacciona ante esta definición do feminino desde o deconstrucionismo negando calquera tipo de esencialismo respecto da condición de ser muller pola imposibilidade de agrupar as realidades concretas e individuais do fenómeno. Esta análise anticipa a xestión que das identidades se farán posteriormente desde a teoría Queer e as posicións de Judith Butler[7].

Tamén se aproxima ás teses de Rousseau e a Kant sobre a feminidade na súa obra Le Respect des femmes: Kant et Rousseau (1982). Nunha deriva psicanalítica elabora unha crítica acerca da óptica coa que Rousseau se aproxima á cuestión do feminino e a forma como se acerca a falar da lei natural desde a noción de nai natureza. Estas ferramentas psicanalíticas levan a argumentar sobre o posible terror por parte de Rousseau de ser desposuído da súa masculinidade polo poder da nai sobre o fillo, levándoo a divinizala na forma de nai natureza, que estipula de forma esencialista a reclusión da muller ao ámbito do privado e o doméstico[8].

Tamén a outro destes ilustrados, Immanuel Kant, dirixe Kofman a súa crítica psicanalista sobre a feminidade. Argumentando que o seu chamado ao respecto polas mulleres mentres a súa condición esencial de modestas, o que lles permite exercer a educación dos seus fillos e promover a orde moral. Unha orde moral, o do imperativo categórico, que Kofman definirá como unha sublimación da relación coa maternidade, afastándoa de toda carga sensualista e corporeizada. Sería unha orixe empírica da lei moral superado na prohibición do incesto polo respecto esixido cara á figura da nai.

Tamén sobre Nietzsche e Freud, quizais os dous autores sobre os que máis escribiu Kofman, verte esta a súa análise do feminino nas súas obras. Sobre Nietzsche afirma que as críticas de misoxinia vertidas sobre el levasen a pasar por alto varios puntos que o propio autor expón sobre a condición da muller. Por un lado, Nietzsche recoñece que a condición de muller é unha creación histórica, non natural e por tanto non esencialista aos corpos dos que a teñen. Por outro, Nietzsche establece varias diferenzas acerca de distintos tipos de mulleres nos seus escritos sobre o tema, non limitándose a unha calidade inherente aos ditos corpos. E por último, o propio autor deixaría claro de forma explícita na súa obra que non pretende establecer a verdade sobre as mulleres, senón a súa propia verdade sobre estas, a cal a autora afirma que se relaciona coa relación que o filósofo tería coa súa propia nai. Nietzsche relaciona as súas ideas respecto da muller coa concepción que esta ten do amor. Foi das teorías platónicas metafísicas e esencialistas do amor puro, xeneroso e desinteresado, Nietzsche reivindica un amor que se identifica cun estado de guerra entre sexos. Este estado de guerra sería connatural ao ser humano e nel as mulleres terían unha condición superior mediante as ferramentas que a súa propia represión lles outorgou, facendo referencia a unha sorte de malicia interna que se presenta, porén, baixo a aparencia de modestia e submisión impostas cara ás mulleres. As mulleres así tomarían aos homes como un medio para ter fillos, que é autenticamente o seu fin último pois é por medio da maternidade pola que poden sublimar o seu desexo de recuperar o poder perdido ante os homes. As mulleres que buscan a emancipación ante a lei e non desexan procrear serían vistas como inimigas do resto de mulleres por parte do pensador alemán. Esta igualdade ante a lei sería unha forma de arrebatarlles ás propias mulleres a súa superioridade natural na guerra de sexos. Kofman defende que esta postura a utiliza Nietzsche nun contexto de ataque contra a moral xudía-cristiá que trata de reprimir e negar a sensualidade, non nun intento de ataque contra as mulleres. Respecto de Freud, Kofman asegura que o seu intento de desvelar a natureza da sexualidade feminina non fai senón subordinar esta ao punto de vista do varón, pois a muller para curar a súa represión debe aceptarse como enferma que espera ser curada por un home. O pudor feminino chegaría a ser considerado como unha ferramenta natural para que o home non fuxa dos xenitais femininos. Equipara a formación do desexo feminino coa do masculino nas súas etapas de desenvolvemento e leva ao terreo do desexo edípico, pero dotando dunha maior sensación de carencia ao da muller. A envexa do pene daría paso ao desexo do fillo por esta mesma sensación de carencia. Kofman critica así mesmo que todo o discurso freudiano comenta igualmente a unha "cadaverización" da muller por tratar de inmobilizar o seu desexo nunhas etapas concretas e reducilo a un estado de ausencia, de carencia e de negatividade.

Obra publicada

[editar | editar a fonte]
  • L'Enfance de l'art. Une interprétation de l'esthétique freudienne, París, Payot, «Bibliothèque scientifique. Science de l'homme», 1970.
  • Nietzsche et la métaphore, París, Payot, « Bibliothèque scientifique », 1972. Ouvrage composé des textes remaniés de trois articles de l'auteur extraits de Critique, avril 1970-septembre 1971 et de Poétique, 5.
  • Camera obscura. De l'idéologie, París, Galilée, «La Philosophie en effet», 1973. En appendice: «Usage de la Chambre obscure», par Willem Jacob 's Gravesande. (ISBN 2-7186-0007-1)
  • Quatre romans analytiques, París, Galilée, «La Philosophie en effet», 1974. (ISBN 2-7186-0016-0)
  • Autobiogriffures, París, Christian Bourgois, 1976. (ISBN 2-267-00043-1)
  • Nerval: le charme de la répétition. Lecture de «Sylvie», Lausanne-París, l'Âge d'homme, «Cistre essais», 1979.
  • Nietzsche et la scène philosophique, París, Union générale d'éditions, «10/18», 1979. (ISBN 2-264-00247-6)
  • L'Énigme de la femme: la femme dans les textes de Freud, París, Galilée, 1980. (ISBN 2-7186-0192-2
  • Le Respect des femmes: Kant et Rousseau, París, Galilée, «Débats», 1982. (ISBN 2-7186-0225-2)
  • Comment s'en sortir ?, París, Galilée, «Débats», 1983. (ISBN 2-7186-0240-6)
  • Un Métier impossible. Lecture de «Constructions en analyse», París, Galilée, «Débats», 1983. (ISBN 2-7186-0241-4)
  • Lectures de Derrida, París, Galilée, «Débats», 1984. (ISBN 2-7186-0251-1)
  • La Mélancolie de l'art, París, Galilée, «Débats», 1985. (ISBN 2-7186-0274-0)
  • Pourquoi rit-on ?: Freud et le mot d'esprit, París, Galilée, «Débats», 1985. (ISBN 2-7186-0297-X)
  • Paroles suffoquées, París, Galilée, «Débats», 1986. (ISBN 2-7186-0312-7).
  • Conversions. «Le Marchand de Venise» sous le signe de Saturne, París, Galilée, «Débats» 1987. (ISBN 2-7186-0325-9)
  • Socrate(s), París, Galilée, «La philosophie en effet», 1989. (ISBN 2-7186-0336-4)
  • Séductions. De Sartre à Héraclite, París, Galilée, «La philosophie en effet», 1990. (ISBN 2-7186-0337-2)
  • amb Jean-Yves Masson, Don Juan ou le Refus de la dette, París, Galilée, «Débats», 1991. (ISBN 2-7186-0388-7)
  • «Il n'y a que le premier pas qui coûte»: Freud et la spéculation, París, Galilée, «Débats», 1991. (ISBN 2-7186-0396-8)
  • Explosion I. De l'Ecce homo de Nietzsche, París, Galilée, «La philosophie en effet», 1992. (ISBN 2-7186-0397-6)
  • Explosion II. Les enfants de Nietzsche, París, Galilée, «La philosophie en effet», 1993. (ISBN 2-7186-0418-2)
  • Le mépris des juifs. Nietzsche, les juifs, l'antisémitisme, París, Galilée, «La philosophie en effet», 1994. (ISBN 2-7186-0437-9)
  • Rue Ordener, rue Labat, París, Galilée, 1994. (ISBN 2-7186-0439-5)
  • L'Imposture de la beauté et autres textes, París, Galilée, «La philosophie en effet», 1995. (ISBN 2-7186-0464-6)

Outras obras

[editar | editar a fonte]
  • François Laruelle, Le déclin de l'écriture suivi d'entretiens avec Jean-Luc Nancy, Sarah Kofman, Jacques Derrida, Philippe Lacoue-Labarthe, Aubier-Flammarion, Coll. La Philosophie en effet, 1977.
  • Posthume: ses Lettres à Jacques Derrida, édition établie, annotée et présentée par Ginette Michaud et Isabelle Ullern, dans leur ouvrage: Sarah Kofman et Jacques Derrida. Croisements, écarts, différences, París, Hermann, coll. «Le Bel Aujourd'hui», 2018, pp 131 à 300 (ISBN 9782705695439)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Alamo Santana, D. (2014). Sarah Kofman: Lecturas de una vida. Cuadernos Del Ateneo, (32), 81- 86.
  • Álamo Santana, D. (2005). Nietzsche y el judaísmo: Sarah Kofman, El desprecio de los judíos. Nietzsche, los judíos, el antisemitismo, Arena Libros, Madrid, 2003. Laguna: Revista De Filosofía, (17), 162- 164.
  • Derrida, J. (2001). The work of mourning. University of Chicago Press.
  • Kofman, S. (1980). The Narcissistic Woman: Freud and Girard. Diacritics, 10(3), 36-45.
  • Kofman, S. (1982). Le respect des femmes: Kant et Rousseau (La philosophie en effet). Editions Galilée.
  • Kofman, S. (1997). El enigma de la mujer: ¿con Freud o contra Freud? (2nd ed.). Gedisa.
  • Kofman, S. (2005). Rue Labat, Rue Ordener. Editions Galilée.
  • Kofman, S., & Dobie, M. (1995). The Psychologist of the Eternal Feminine (Why I write such good books, 5). Yeale French Studies, 173-189.
  • Kofman, S., & Lionnet-Mccumber, F. (1987). Nietzsche and the Obscurity of Heraclitus. Diacritics, 17(3), 39-55.
  • Maseda de la Torre, S. (2020). Habilitando el entre: Estética, Literatura y Psicoanálisis en Sarah Kofmann. Repositorio Institucional UCM.
  • Posada Kubissa, L. (2019). Sarah Kofman, Freud y lo femenino. Atlánticas: Revista Internacional De Estudios Feministas, 4(1), 218- 239.
  • Sivera, V. (2021). Sarah Kofman, un llegat filosòfic en l’oblit. Quadern De Les Idees, Les Arts i Les Lletres, (225).