En xenética de poboacións, a selección estabilizante (non confundir con selección negativa[1][2]) é un tipo de selección natural na cal diminúe a diversidade xenética e a media da poboación estabilízase nun determinado valor do trazo considerado. A selección estabilizante utiliza xeralmente a selección negativa (ou selección purificante) para selecconar en contra dos valores extremos dun trazo.
A selección estabilizante é a oposta á selección disruptiva. En vez de favorecer aos individuos con fenotipos extremos, favorece as variantes intermedias. Reduce a variabilidade fenotípica e mantén o status quo. A selección natural tende a eliminar os fenotipos máis extremos, o que ten como resultado o éxito reprodutivo dos fenotipos norma ou medios. Por exemplo, a bolboreta africana Bicyclus anynana mostra selección estabilizante nos seus ocelos das ás.[3]
Como a maioría dos trazos cambian pouco co tempo, crese que a selección estabilizante é o tipo máis común de selección na maioría das poboacións.[4] Porén, unha metaanálise de varios estudos que mediron a selección na natureza non puideron atopar unha tendencia global á selección estabilizante.[5] A razón pode ser que os métodos para detectar a selección estabilizante son complexos. Poden implicar o estudo dos cambios que causan selección natural na media e na varianza dun trazo, ou miden a fitness para un rango de diferentes fenotipos en condicións naturais e o exame das relacións entre estas medidas de fitness e o valor do trazo estudado, mais a análise e interpretación dos resultados non é sinxela.[6]
↑Brakefield, Paul M., Patrícia Beldade, and Bas J. Zwaan. "The African butterfly Bicyclus anynana: a model for evolutionary genetics and evolutionary developmental biology." Cold Spring Harbor Protocols 2009.5 (2009): pdb-emo122.
McDonald JH, Kreitman M (1991). "Adaptive protein evolution at the Adh locus in Drosophila". Nature351 (6328): 652–4. PMID1904993. doi:10.1038/351652a0.