Un shabono (tamén xapono, shapono ou yano) é unha cabana utilizada polo pobo yanomami,[1] un pobo indíxena que habita na selva amazónica do sur de Venezuela e o norte do Brasil.[2] Consiste nunha estrutura ou conxunto de estruturas que forman un anel circular que rodean un espazo central aberto.
Os shabono constitúen a estrutura única dun asentamento yanomami, que polo xeral se localizan preto dos claros dun río dentro da selva amazónica, tipicamente nos afluentes menores do río Negro e do río Branco. O espazo central do interior chámase heha e é onde se desenvolven as actividades comunitarias, podendo variar entre 20 a 50 metros de diámetro aproximadamente dependendo da poboación do asentamento.
Dada a debilidade dos materiais para resistir as condicións climáticas da selva amazónica, os shabono adoitan sucumbir perante a humidade e a chuvia, polo que adoitan ser queimados e reconstruídos cada certo tempo no mesmo lugar ou preto del.