Sikorsky CH-53 Sea Stallion | |
---|---|
Tipo | helicóptero de carga pesado |
Fabricante | Sikorsky Aircraft |
Primeiro voo | 14 de outubro de 1964 |
Introducido | 1966 |
Principais usuarios | Corpo de Marines Luftwaffe Forza Aérea de Israel Forza Aérea de México |
Produción | 1964 - 1978 |
Variantes | Sikorsky MH-53 |
O Sikorsky CH-53 Sea Stallion (S-65) é unha familia de helicópteros de transporte pesados deseñados e fabricados por Sikorsky Aircraft. Orixinalmente desenvolvido para ser usado polo Corpo de Marines dos Estados Unidos, no presente está en servizo con Alemaña, Irán e Israel. A Forza Aérea dos Estados Unidos operou o HH-53 "Super Jolly Green Giant" durante as últimas etapas e despois da guerra de Vietnam, actualizando a meirande parte deles como o MH-53 Pave Low.
O CH-53E Super Stallion de dimensións semellantes é unha versión mellorada e máis pesada designada S-80E por Sikorsky. O seu terceiro motor faino máis potente que o Sea Stallion, reemprazándoo na misión de cargas pesadas.
En 1960 o Corpo de Marines dos Estados Unidos comezou a buscar un substituto para os seus helicópteros con motores de pistóns HR2S. O 27 de xaneiro de 1961 o Corpo de Marines comezou a traballar co Exército, a Armada e a Forza Aérea no "transporte VTOL tri-servizo", que finalmente xurdiría como a aeronave de ás basculantes Vought-Hiller-Ryan XC-142A.[1] O deseño fíxose máis elaborado e o programa ampliouse, facendo que os Marines abandonasen o programa cando decidiron que non recibirían un aparello axeitado nun tempo razoable. En particular, existía preocupación de que os altos niveis de fluxo descendente farían que o XC-142A fose pouco práctico nas operacións embarcadas.[1] Finalmente, o XC-142A, aínda que era unha máquina innovadora e moi capaz, nunca entrou en produción.[2]
En marzo de 1962 a Oficina de Armas Navais da Armada dos Estados Unidos, actuando en nome dos Marines, publicou unha solicitude para un "Helicóptero Pesado Experimental / HH(X)".[1] As especificacións dictaban unha capacidade de carga de 3 600 kg cun radio operacional de 190 km a unha velocidade de 280 km/h. Tamén especificaban que tivese máis velocidade máxima e unha maior capacidade de levantamento de cargas que helicópteros xa existentes á vez que debería ter un peso en baleiro menor.[3] O HH(X) sería usado nos roles de transporte de asalto, recuperación de aeronaves, transporte de persoal, e evacuación médica.[1] No rol de transporte de asalto sería usado principalmente para transportar equipo peado en vez de tropas.[2]
En resposta, Boeing Vertol ofreceu unha versión modificada do CH-47 Chinook; Kaman Aircraft ofreceu un desenvolvemento do helicóptero composto británico Fairey Rotodyne; e Sikorsky ofreceu o que equivalía a unha versión ampliada do S-61R, con dous motores turboeixo General Electric T64 e o sistema dinámico dos S-64/CH-54, que sería designado S-65.[1] A proposta de Kaman morreu rapidamente cando o goberno británico deixou de apoiar o programa Rotodyne. A competición entre Boeing Vertol e Sikorsky foi intensa, co Chinook tendo vantaxe debido a que fora mercado polo Exército estadounidense.[2] En xullo de 1962 anunciouse que a proposta de Sikorsky fora escollida como gañadora debido a varios factores como custo, factores técnicos, e capacidade de produción. Porén, non se asinou un contrato inmediatamente debido a limitacións orzamentarias.[1]
Os Marines orixinalmente buscaban mercar catro prototipos.[1] Porén, á luz dos déficits de financiamento, Sikorsky determinou manter o acordo e reduciu a súa estimación de custos para o desenvolvemento do programa propoñendo que este podería realizarse con só dous prototipos. Os oficiais militares recibiron favorablemente a redución proposta pola compañía e en setembro de 1962 Sikorsky recibiu un contrato de 9 965 635 dólares para a produción de dous prototipos YCH-53A, ademais dunha maqueta e unha célula para probas en terra.[1]
O programa de desenvolvemento non foi ben de todo, debizo á escaseza de recursos de enxeñería ademais de varios fallos de subcontratistas e do goberno, pero eses problemas superáronse aos poucos. Houbo tamén presión contra o programa por parte do Secretario de Defensa Robert S. McNamara, que promoveu o concepto de "comunalidade" entre os servizos armados adoptando o Chinook no seulugar. Porén, os Marines conseguiron convencer ao persoal de McNamara de que o Chinook non podería cumprir cos seus requisitos sen pasar por numerosos e caros cambios.[2]
O primeiro YCH-53A realizou o seu voo de estrea na planta de Sikorsky en Stratford, Connecticut, o 14 de outubro de 1964, uns catro meses despois do agardado.[1] Durante os meses anteriores os Marines xa realizaran un pedido inicial de produción por 16 helicópteros. As probas de voo foron máis fluídas do agardado, axudando a compensar o tempo perdido durante o desenvolvemento. O 19 de novembro de 1964 o tipo foi presentado fomalmente ao público xeral.[1] Nese tempo recibiu a designación militar e o nome de CH-53A Sea Stallion. O 12 de setembro de 1966 realizáronse as primeiras entregas a unha unidade operacional.[4][1]
O CH-53A chegou a Vietnam en xaneiro de 1967 e demostrou ser útil, recuperando máis aeronaves caídas que o CH-54. Fabricáronse un total de 141 CH-53A, incluídos os dous prototipos.[2] A Armada estadounidense adquiriu 15 CH-53A dos Marines en 1971 para actividades contra minas. Os helicópteros tiñan uns motores turboeixo T64-GE-413 máis potentes e recibiron a designación RH-53A.[2]
A USAF pediu o HH-53B en setembro de 1966 e este voou por vez primeira o 15 de marzo de 1967. Esta variante engadía unha sonda de repostaxe, tanques de combustible lanzables e un guindastre de rescate. Tamén contaba cos motores actualizados T64-GE-3. A Frza Aérea usou os HH-53B para tarefas de busca e rescate de combate (CSAR).[5] O HH-53C era unha variante CSAR mellorada cun tanque de combustible máis pequeno de 1 700 L a cambio de máis blindaxe e un mellor sistema de comunicacións. O CH-53C era semellante agás porque carecía da sonda de reabastecemento en voo. Foi usado pola USAF para traballos máis xerais de transporte.
O levantamento de cargas en climas tropicais precisaba máis potencia, polo que os Marines decidiron mercar unha variante mellorada, o CH-53D, con mellores motores (nun principio os T64-GE-412 e posteriormente os T64-GE-413). O CH-53D tamén tiña unha mellor transmisión para ir cos motores máis potentes, e un interior revisado que permitía transportar a 55 soldados.[2]
O primeiro voo do CH-53D foi o 27 de xaneiro de 1969. O CH-53D serviu xunto co CH-53A durante o resto da guerra de Vietnam. Unha versión de transporte VIP designada VH-53D cun luxoso aloxamento foi usada polos Marines para os voos do presidente dos Estados Unidos.[2][2] A Armada estadounidense tamén mercou helicópteros baseados no CH-53D para varrido de minas. Estes foron designados RH-53D e tiñan equipamento de varrido de minas como un par de metralladoras Browning de 12,7 mm para detonar minas. A Armada Navy recibiu 30 RH-53D a partir de 1973. Cando os RH-53D entraronen servizo, os RH-53A regresaron aos Marines e foron reestaurados á configuración CH-53A.[2]
Durante os anos 80 a frota de CH-53 Yas'ur da Forza Aérea de Israel foi actualizada por Israel Aircraft Industries e Elbit Systems. O proxecto, que rematou en 1997, mellorou a aviónica e a robustez dos CH-53, ampliando a súa vida polo menos dúas décadas máis.
En 1989 algúns dos CH-53A que foran retirados polos Marines pasaron á USAF para tarefas de adestramento, sendo redesignados TH-53A. Os TH-53A foron despoxados da meirande parte do equipamento operativo e pintados en cores de camuflaxe da USAF.