A sinalización xustácrina (ou sinalización dependente de contacto) é un tipo de sinalización célula/célula ou célula/matriz extracelular que se dá en organismos multicelulares, que require un contacto estreito das células. Por tanto, é diferente das sinalizacións nas que se libera unha molécula de sinalización que difunde no espazo extracelular, ou nas que se usan condutos longos como os nanotubos de membrana e citonemas (similares a "pontes"), ou nas que se utilizan vesículas extracelulares como os exosomas ou microvesículas.
Existen tres tipos de sinalización xustácrina:
Ademais, nos organismos unicelulares como as bacterias, a sinalización xustácrina refírese ás interaccións por contactos entre membranas.
O termo "xustácrino" foi introducido orixinariamente por Anklesaria et al. (1990) para describir unha posible vía de transdución de sinais entre o TGF alfa e o EGFR.[1] A sinalización xustácrina foi observada nalgunhas moléculas sinalizadoras como factores de crecemento, citocinas e quimiocinas, que exercen unha importante función na resposta inmune. Ten un papel fundamental no desenvolvemento da función cardíaca e neural. Outros tipos de sinalización celular, que non se deben confundir coa xustácrina, son a sinalización parácrina e a autócrina.
Neste tipo de sinalización, unha célula posúe na súa superficie (membrana) un ligando específico, e despois outra célula pode unirse a el cun receptor apropiado da súa superficie celular ou por medio dunha molécula de adhesión celular. Un importante exemplo é a vía de sinalización de Notch, implicada de forma notable no desenvolvemento neural.[2]
Dúas células adxacentes poden desenvolver condutos comunicantes entre os seus compartimentos intracelulares, como as unións comunicantes dos animais ou os plasmodesmos das plantas.[2][3]
As unións comunicantes dos animais están formadas por conexinas nos vertebrados e por innexinas nos invertebrados. As sinapses eléctricas son un tipo de unións comunicantes das neuronas que son condutoras eléctricas. As unións comunicantes son esenciais para os cardiomiocitos, e os ratos e humanos que son deficientes nunha determinada proteína das unións comunicantes presentan graves defectos no desenvolvemento cardíaco.[4]
A matriz extracelular está composta de proteínas e mucopolisacáridos (glicosaminoglicanos) producidos polas células. Segréganse non só para construír unha estrutura de soporte senón tamén para proporcionar información fundamental sobre a contorna inmediata das células próximas. As células poden interaccionar por contacto coas moléculas da matriz extracelular, no que se considera un modo indirecto de comunicación entre as células.[2] As células usan principalmente o receptor integrina para interaccionar coas proteínas da matriz extracelular. Este tipo de sinalización pode influír no ciclo celular e na diferenciación celular.[5]
As bacterias, ademais de liberaren moléculas de sinalización na súas contornas para iniciar a percepción do quórum, poden utilizar unha sinalización dependente de contacto por medio de diferentes mecanismos, coa finalidade de inhibir o seu crecemento en condicións desfavorables.[6][7]