Sinus Aestuum é unha baía lunar, máis precisamente, unha formación basáltica de estrutura similar a un mare que se atopa na área central da cara visible da Lúa. O seu nome significa en latín «baía ardente». Foi chamada así polo astrónomo Giovanni Riccioli (1598-1671), denominación que foi aceptada oficialmente pola Unión Astronómica Internacional en 1935.[1]
A superficie basáltica ten unha forma que se aproxima a un círculo de 316.5 quilómetros de diámetro. O centro de Sinus Aestuum está nas coordenadas selenográficas 12° norte e 8° oeste. Cara ao suroeste continúa nunha depresión do terreo de forma redondeada até o ecuador lunar. Esta extensión basáltica, de aspecto similar pero algo máis grande, considérase tamén parte integrante desta mesma formación nalgunhas cartas lunares. O enorme cráter Eratosthenes conforma o límite noroeste do Sinus Aestuum, mentres que os Montes Apenninus marcan o seu límite polo norte. Cara ao leste atópanse o Mare Vaporum e o Sinus Medii, e no sur elévase a montaña que rodea o Fra Mauro. No leste hai un relevo ondulado que marca a transición cara ao Mare Insularum. No bordo occidental (á beira de Eratosthenes) o magma alagou a antiga muralla do cráter Stadius transformándoo nun palimpsesto. Un pouco máis ao sur, o chan mostra unha coloración notoriamente máis escura. Nas inmediacións do cráter Gambart hai un domo de lava. Moi preto de alí produciuse o impacto da sonda lunar Surveyor 2 que en 1966 non logrou aluar correctamente e resultou completamente destruída.