Sporobolus pumilus | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Sinonimia | |||||||||
Lista
|
Sporobolus pumilus é unha especie de planta da familia Poaceae. Nativa da costa atlántica de América, desde Terranova ata o sur polo leste dos Estados Unidos ata o Caribe e o nordeste de México. Foi reclasificada tras unha revisión taxonómica en 2014,[1] pero o nome máis antigo, Spartina patens, aínda pode estar en uso. Pódese atopar en marismas doutras zonas do mundo como especie introducida e moitas veces como mala herba nociva ou especie invasora.
É unha herba semellante ao feo que se atopa nas zonas altas das marismas salobres costeiras. É unha planta esvelta que medra en grosas matas de 30 a 60 cm de altura, é verde na primavera e no verán e tórnase marrón claro a finais do outono e inverno. Os talos son delgados e ocos, e as follas enróscanse cara a dentro e parecen redondas. Debido a que os seus talos son débiles, a acción do vento e da auga poden dobrar a herba, creando a aparencia dun campo de mechas e remuíños. Do mesmo xeito que Sporobolus alterniflorus, produce flores e sementes só nun lado do talo. As flores son de cor violeta intensa de xuño a outubro e vólvense marróns nos meses de inverno.[2]
Sporobolus pumilus atópase en zonas de marismas altas, onde ás veces está cuberta polas mareas altas. As células especializadas poden evitar que o sal entre nas raíces, evitando a perda de auga doce. Non obstante, esta herba é menos tolerante á auga salgada que outras gramíneas de pantano. Tamén pode crecer nas praias e recolonizar rapidamente unha zona inundada.[3]
Unha marisma saudable depende da presenza de plantas como Sporobolus pumilus e Sporobolus alterniflorus. Estas gramíneas proporcionan un rico hábitat para crustáceos, moluscos e aves, e serven como fonte importante de nutrientes orgánicos para toda o esteiro. As matas de Sporobolus pumilus están habitadas por moitos animais pequenos e son unha importante fonte de alimento para os patos e varias especies de pardais costeiros.
As marismas salinas serven como filtros de contaminación e amortecedores contra as inundacións e a erosión costeira. Durante a época colonial, as cidades espalladas desde a baía Narragansett ata o golfo de Maine foron moitas veces asentadas baseándose na súa proximidade ás marismas debido á importancia de Sporobolus pumilus como forraxe. Recolleuse para cama e forraxe para animais de granxa e para fertilizante dos xardíns. Antes de empacar o feo e almacenalo no interior, usábase para cubrir pilas de palleiro nos campos.
Moitas das marismas de Rhode Island víronse gravemente afectados polo recheo, o desenvolvemento e a construción de estradas. Estas perturbacións restrinxen o fluxo das ´mareas, tendo moitas veces un grave impacto ecolóxico na marisma. Debido a que Sporobolus pumilus require un hábitat húmido e salgado, o fluxo de marea restrinxido adoita secar a marisma e favorecer o crecemento de plantas invasoras de auga doce. Sporobolus pumilus e Sporobolus alterniflorus adoitan ser superadas por varias especies de Phragmites en áreas onde a actividade humana perturbou ou alterou a marisma. As especies de Phragmites non son tan produtivas nin beneficiosas para unha marisma como Sporobolus pumilus.
Aínda que esta especie é un membro clave da flora marismal no seu hábitat nativo, é coñecida como unha especie invasora prexudicial noutras partes do mundo. É unha praga notoria na zona da baía de San Francisco, onde supera as plantas nativas, como Chloropyron molle, e perturba o hábitat de animais raros como Rallus obsoletus.[4] Sporobolus pumilus foi introducido nos estuarios de Oregón nos envíos de ostras e foi dominando e desprazando a vexetación nativa de alí. Apareceu tamén en marismas da Península Ibérica, onde ameaza a biodiversidade das plantas autóctonas.[5]