Desideri | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Stefano Desideri | ||
Nacemento | 3 de xullo de 1965 | ||
Lugar de nacemento | Roma | ||
Altura | 1,78 m. | ||
Posición | centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
1983–1984 | Roma | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1984–1991 | Roma | 136 | (24) |
1984–1985 | → Piacenza | 20 | (0) |
1991–1992 | Inter de Milán | 33 | (5) |
1992–1997 | Udinese | 127 | (7) |
1998 | Livorno | 12 | (0) |
Selección nacional | |||
1986–1987 | Italia sub-21 | 3 | (0) |
Adestrador | |||
2000 | Marsala | ||
2001 | Astrea | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Stefano Desideri, nado en Roma o 3 de xullo de 1965, é un exfutbolista italiano, que xogaba como centrocampista.
Alcumado Cicciobello,[1][2] formouse nos equipos xuvenís da Roma, proclamándose campión de Italia xuvenil na tempada 1983/84, con Romeo Benetti como adestrador.[2] No verán de 1984, xunto co seu compañeiro Marco Savorani, foi cedido ao Piacenza, onde xogou unha tempada, quedando preto do ascenso á Serie B.[3] De volta na capital pasou a formar parte do primeiro equipo, dirixido por Sven-Göran Eriksson. Disputou só 7 partidos na Serie A, competición na que debutou o 12 de xaneiro de 1986, nun partido ante o Udinese. Atopou máis protagonismo na Copa Italia, xogando case todos os partidos e marcando tres goles, un deles na final que o seu equipo lle gañou á Sampdoria.[4]
A partir de 1986, a pesar dos problemas co seu carácter,[1][2][5] foi usado con máis frecuencia por Nils Liedholm, colocado na banda ao lado de Giuseppe Giannini e Carlo Ancelotti.[2] Trala marcha deste último ao Milan, fíxose coa titularidade,[6][7] formando parella central no medio do campo con Giannini. En 1989, coa chegada de Luigi Radice ao banco, estableceuse definitivamente na posición de centrocampista central tivo a súa mellor tempada goleadora, con 10 goles en liga.[2] Na tempada 1990/91, baixo a batuta de Ottavio Bianchi, gañou a súa segunda Copa de Italia e foi finalista da Copa da UEFA, perdendo ante o Inter de Milán.
Ao remate da tempada foi traspasado precisamente ao Inter, por 7.000 millóns de liras,[8][9] nunha operación na que entrou tamén a Juventus como copropietario,[10][11] e pola que ademais Giovanni Trapattoni pasou ao banco de Turín.[12][13] As súas actuacións en Milán non foron as esperadas, e pasou boa parte da tempada como suplente.[14] A súa mala relación co adestrador Corrado Orrico primeiro, e máis tarde co seu substituto, o galego Luis Suárez, empeoran as cousas. En marzo de 1992, despois de marcar un gol contra o Napoli, dirixiuse ao banco e insultou a Suárez, sendo sancionado e multado polo club.[14][15] Na tempada 1992/93, despois de xogar os 4 primeiros partidos de liga cos nerazzurri, foi vendido ao Udinese como contrapartida no acordo que levou a Antonio Manicone ao Milan.[16] En Friúl foi reconvertido por Albertino Bigon como líbero,[17] e marcou o gol decisivo na última xornada ante a Roma, que permitiu aos friulanos acceder á promoción de permanencia que logo gañaron ante o Brescia.[18]
Na tempada seguinte, coa venda de Dell'Anno, foi colocado inicialmente no papel de creador,[19] pero máis tarde o adestrador Azeglio Vicini volveu poñelo na defensa, o que provocou as críticas do presidente Giampaolo Pozzo,[20] que acabou apartando a Desideri do equipo.[21] Foi reintegrado pouco despois, e descendeu xunto co resto do equipo á Serie B, regresando á máxima categoría en 1995. Nos dous anos seguintes, tras algúns desacordos tácticos co adestrador Alberto Zaccheroni,[22] vestiu o brazalete de capitán e acadou a clasificación para a Copa da UEFA na tempada 1996/97, nun ano no que se viu afectado polas lesións.[5][23]
En xaneiro de 1998 foi contratado polo Livorno, na Serie C1, grazas en parte á amizade que o unía ao adestrador Paolo Stringara.[24] Despois de cinco malos primeiros meses, recuperou a súa condición física e tivo algunhas boas actuacións na parte final do campionato,[22] xogando a promoción de ascenso, pero perdendo na final ante o Cremonese. Ao final da tempada o seu contrato non foi renovado e puxo fin a súa carreira deportiva.[25]
Foi convocado por Azeglio Vicini para a Eurocopa sub-21 de 1986, na que Italia perdeu a final contra España na quenda de penaltis. Desideri marrou un dos lanzamentos.[26] Dous anos despois foi convocado por Francesco Rocca para representar a Italia nos Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl.[27] Disputou 3 partidos olímpicos e marcou un gol no encontro inaugural ante Guatemala.[28] Trala derrota por 4-0 ante Zambia, e as posteriores polémicas, foi excluído do equipo.[29][30]
En 1999 pasou a ser segundo adestrador de Giuliano Sonzogni no Lugano suízo.[31] No ano 2000 foi contratado como primeiro adestrador do Marsala,[32] pero o equipo non chegou a ser inscrito no campionato por mor dos graves problemas económicos que atravesaba.[33] Ao ano seguinte foi contratado polo Astrea, na Serie D, pero dimitiu en outubro.
Tras abandonar a súa carreira como adestrador, foi brevemente presidente do Fidene, un club modesto do Lacio, e observador da Roma. Posteriormente converteuse en profesional da pesca de altura. O 6 de xullo de 2012 foi anunciado pola Fiorentina como novo colaborador na área técnico-deportiva.[34] En 2014 formou parte da dirección do Pune City, da India, club vencellado á Fiorentina.[35]
Roma