Stretched Rohini Satellite Series ou SROSS é o nome dunha serie de satélites indios sucesores dos Rohini adicados principalmente á observación de raios gamma.[1]
SROSS A foi o primeiro da serie e estaba deseñado para medir o desempeño do seu foguete lanzador no primeiro voo (un ASLV). Era un satélite estabilizado nos tres eixos e alimentado por paneis solares con instrumentación para monitorizar o lanzamento, cun detector de raios gamma e dous retrorreflectores láser, pero non chegou a órbita por un fallo no lanzamento.[2][1]
SROSS B foi o segundo satélite da serie e estaba enfocado na astronomía de raios gamma. Estaba estabilizado nos tres eixos mediante volantes de inercia e torques magnéticos, así como cun sistema de propulsión mediante hidracina. Estaba alimentado por paneis solares e a bordo levaba o instrumento alemá MEOSS (Monocular Electro Optical Stereo Scanner) e o indio GRB (Gamma-ray Burst Experiment). O satélite non chegou a órbita por problemas no vehículo lanzador, un ASLV.[3][1]
SROSS B foron o terceiro e cuarto satélites da serie SROSS e tamén os últimos. Eran similares, tiñan unha masa duns 106 kg e tiñan forma de cilindro estabilizado mediante xiro. Usaba un sistema de propulsión mediante hidracina e levaban un detector para raios gamma de entre 20 e 3000 keV e un analizador de potenciais retardados. SROSS C foi enviado a unha órbita máis baixa do previsto por un fallo no lanzamento, durando só 55 días en órbita, e SROSS C2 foi lanzado sen problemas, operando durante catro anos. Ambos engalaron a bordo de foguetes ASLV.[4][1]
Misión[1][2][3][4] | Data de lanzamento[1][2][3][4] | Foguete lanzador[1][2][3][4] | Notas[1][2][3][4] |
---|---|---|---|
SROSS A | 24 de marzo de 1987 | ASLV | Fallo |
SROSS B | 13 de xullo de 1988 | ASLV | Fallo |
SROSS C | 20 de maio de 1992 | ASLV | Fallo parcial |
SROSS C2 | 4 de maio de 1994 | ASLV | Éxito |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Stretched Rohini Satellite Series |