Supermarine Nighthawk | |
---|---|
Tipo | caza anticepelíns, caza nocturno |
Fabricante | Supermarine |
Primeiro voo | 1917 |
Unidades construídas | 1 |
O Supermarine P.B.31E Nighthawk foi un avión británico da primeira guerra mundial deseñado pola Pemberton-Billing antes de converterse en Supermarine Aviation Works Ltd. Tratábase dun caza nocturno anticepelíns operado por unha tripulación de tres a cinco homes cunha autonomía planeada de entre 9 e 18 horas. O prototipo voou en febreiro de 1917 con Clifford Prodger aos controis.[1] Probou que non cumpría coa especificación prometida e non se construíron máis.
O Nighthawk tiña ás de cuadriplano de seis vans e unha cola biplana con dúas derivas e dous temóns. A fuselaxe enchía o espazo entre a segunda e terceira ás; a cabina, que tamén tiña unha torreta á altura da á superior, estaba pechada e tiña calefacción.
Xunto coa longa autonomía prevista, suxeríuse que debería ser capaz de patrullar a baixas velocidades e agardar aos cepelíns.[2] De armamento tiña un reflector montado no morro, un canón Davis de 37 mm sobre a á superior con 20 cartuchos, e dúas metralladoras Lewis de 7,7 mm. A potencia para o reflector era proporcionada por un grupo electróxeno independente accionado por motor de gasolina fabricado por ABC Motors, posiblemente a primeira instancia dunha unidade de potencia auxiliar aerotransportada recoñecible.[3]
Aínda que se promocionou como capaz de alcanzar 121 km/h, o prototipo P.B.31E só logrou voar a 97 km/h a 2 000 m, tardando unha hora en subir ata os 3 000 m, algo totalmente inaxeitado para cazar cepelíns.[4] Os dirixibles alemáns, como os cepelíns militares de clase P ou R era xa capaces de voar a 97 km/h.[5]
Ademais, dada a reputación do motor Anzani por falta de fiabilidade e sobrequecemento, é improbable que a aeronave ofrecese o rendemento anunciado.
Unha das dúas hélices do Nighthawk está conservada en Solent Sky, un museo de aviación situado en Southampton, Inglaterra.
Datos de The British Fighter since 1912[1]