Supermarine Sea Lion II | |
---|---|
Tipo | hidroavión de carreiras |
Fabricante | Supermarine |
Deseñado por | R.J. Mitchell |
Primeiro voo | 1922 |
Unidades construídas | 1 |
O Supermarine Sea Lion II foi un hidroavión de carreira británico construído por Supermarine Aviation Works. Deseñado por Reginald Mitchell, foi unha modificación do Supermarine Sea King II. O Sea Lion II estaba impulsado por un motor de 450 hp (340 kW) Napier Lion.
Participou na carreira polo trofeo Schneider de 1922 en Nápoles, e foi planeado para ser capaz de acadar unha velocidade de 260 km/h. Competiu contra dous avións italianos. O piloto Henri Biard voou o aparello facéndose coa vitoria tras completar o circuíto a unha velocidade media de 234,5 km/h, sendo o primeiro éxito posterior á guerra dun avión británico nunha competición internacional.
Para a carreira do ano seguinte, o deseño do avión foi modificado por Mitchell e remotorizado. Renomeado como Supermarine Sea Lion III, conseguiu o terceiro posto, acadando unha velocidade de 243.27 km/h. Despois deste fracaso, Supermarine comezou a deseñar hidroavións de flotadores en lugar de hidrocanoas como avións de carreiras.
A carreira do trofeo Schneider para hidroavións fora gañada por Italia en 1920 por un Savoia S.19 (a única aeronave que participou na reunión), e novamente en 1921 por un Macchi M.7, noutra carreira non disputada. Unha terceira vitoria consecutiva italiana consecutiva faría que o trofeo quedase retido permanentemente por Italia, polo que Supermarine decidiu entrar na competición de 1922, cunha participación financiada pola propia compañía (os participantes italiano e francés estaban financiados polos seus respectivos gobernos).[1] Para competir, Supermarine, baseada es Woolston, Southampton, desenvolveu un hidroavión de carreiras como unha modificación do seu caza Sea King II.[2] O Sea King era un biplano anfibio monopraza cun motor Hispano Suiza de 300 hp (220 kW) en configuración pusher que voou por vez primeira en 1921.[2] Tiña un esquema semellante ao do Supermarine Sea Lion I que competira no trofeo Schneider de 1919, sendo este último unha versión modificada do anterior Supermarine Baby, un hidroavión de combate da primeira guerra mundial.[3]
O avión foi modificado polo deseñador e enxeñeiro xefe de Supermarine, Reginald Mitchell,[4] como un hidroavión cun motor de 450 hp (340 kW) Napier Lion,[2] prestado por Napier.[5] Co novo motor a potencia aumentou un 50%;[6] Mitchell agardaba que o avión fose capaz de acadar unha velocidade de 260 km/h, converténdose de facelo no avión máis rápido do Reino Unido.[7] As súas modificacións no temón e na deriva fixeron que o casco tivese que reforzarse, o que se conseguiu estirando unha capa extra de tecido vernizado ao redor da estrutura.[6]
O Sea Lion II foi rexistrado como G-EBAH.[2]
O Sea Lion II participou ca carreira polo trofeo Schneider de 1922,[2] que tivo lugar en Nápoles o 12 de agosto despois de que os italianos adiantaran dúas semanas a data inicial da carreira. Os fortes ventos restrinxiron o tempo dispoñible para que o avión fose probado en voo en Inglaterra.[7] O aparello foi desmontado antes de ser metido en caixas e transportado de balde a Nápoles a bordo do SS Philomel.[6][7] O Sea Lion II competiu contra dous avións italianos, un Macchi S.7 e un Savioa S.19, con dous inscritos franceses que non puideron comezar a carreira.[8][9] O circuíto consistía en 13 voltas, cada unha cunha lonxitude de 28,5 km. A carreira transcorreu sen incidentes. O Sea Lion II foi pilotado por Henri Biard, que gañou a carreira voando a unha velocidade media de 234,5 km/h,[2] tardando minuto e medio menos que o segundo clasificado, Alessandro Passaleva.[9] A vitoria foi o primeiro éxito posterior á primeira guerra mundial dun avión británico nunha competición internacional, e xerou unha gran cantidade de publicidade para Supermarine.[6]
Para a carreira de 1923 (celebrada en Cowes, na illa de Wight) o avión foi remotorizado cun Napier Lion de 550 hp (410 kW) e rebautizado como Sea Lion III.[2] Mitchell modificou o casco para reducir a resistencia,[10] e colocou ás con dúas baías e un temón máis grande.[2] Mitchell agardaba que o Sea Lion III superase os 260 km/h[10] e finalmente acabou en terceiro lugar tras os Curtiss CR-3 estadounidenses, acadando unha velocidade de 243,27 km/h.[2] O director xerente de Supermarine, Hubert Scott-Paine, despois de que o trofeo fose conquistado polos estadounidenses, dixo:[11]
A nosa oficina de deseño conseguiu toda a velocidade posible para a máquina. Fixémolo o mellor que puidemos e non nos arrepentimos. O Sea Lion III foi 11 mph máis rápido que o Sea Lion II, e o mérito desta boa actuación debeuse a varias persoas, unha das cales é o señor R.J. Mitchell, que deseñou ambas máquinas.
A derrota británica fixo que Supermarine deixase de usar os xa superados hidrocanoas como avións de carreiras, en favor dos hidroavións con patíns.[11] O Sea Lion III foi transferido á Royal Air Force en 1923.[2]
Datos de Supermarine Aircraft since 1914[12]