Tefrítidos | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Euaresta aequalis | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Subfamilias | |||||||||||||||||
Os tefrítidos (Tephritidae) son unha das dúas familias de dípteros (moscas) que reciben o nome de "moscas da froita"; a outra familia é a Drosophilidae, coa que non se deben confundir. Por tanto, a famosa mosca Drosophila melanogaster (coñecida tamén como mosca da froita ou do vinagre), moi usada como animal de experimentación modelo, pertence a Drosophilidae, e non a Tephritidae. Describíronse case 5.000 especies de tefrítidos, clasificados en case 500 xéneros. A descrición, recategorización e análises xenéticas están decote cambiando a taxonomía desta familia. O nome da familia procede do grego τεφρος, "tephros", que significa "gris cinza". Viven en todas as ecozonas. Varias especies de tefrítidos son importantes pragas para a agricultura.
Pode verse un glosario de termos usados na morfoloxía dos dípteros e da familia, con excelentes imaxes na seguinte referencia: [1]
Os tefrítidos son moscas de tamaño pequeno ou medio (2,5–10 mm) que adoitan ser moi coloridas, e xeralmente teñen ás pintadas, e a vea subcostal das ás cúrvase cara a adiante en ángulo recto. A cabeza é semisférica e xeralmente curta. A cara é vertical ou retraída e a fronte é ampla, presentan ocelos e pelos ou sedas ocelares. Os pelos ou sedas posverticais varían de paralelos a diverxentes. Hai de dous a oito pares de sedas frontais (polo menos un, pero xeralmente varios pares inferiores que se curvan cara a dentro e polo menos un dos pares superiores cúrvase cara a atrás). Nalgunhas especies as sedas frontais están inseridas sobre un tubérculo elevado. As sétulas interfrontais están xeralmente ausentes ou representadas por unha ou dúas diminutas sétulas preto da lúnula. Carecen de verdadeiras vibrisas pero varios xéneros teñen fortes pelos preto do ángulo vibrisal. As ás xeralmente teñen marcas amarelas, castañas ou negras ou son de cor escura con marcas claras. Nunhas poucas especies as ás son claras. A costa da á ten tanto unha interrupción umeral coma subcostal. A parte apical da vea subcostal normalmente non se distingue ou mesmo é transparente. As veas dividen a á en seccións chamadas "celas", que son importantes en sistemática. A cela cuP (cela cubital posterior da á ou cela anal da á) está pechada e case sempre se estreita en ángulo agudo. Está pechada por unha vea xeniculada (CuA2). A vea CuA2 raramente é recta ou convexa. As tibias carecen de pelos preapicais dorsais. As femias teñen oviscapto.
A larva é anfipnéustica (ten só os pares posterior e anterior de espiráculos). O corpo varía de branco, a amarelado ou marrón. O extremo posterior das especies de cores claras é ás veces negro. O corpo vaise estreitando na parte anterior. Teñen dúas mandíbulas ás veces con dentes ao longo da beira ventral. Os lóbulos antenomaxilares situados a cada lado das mandíbulas teñen varias cristas orais transversais ou láminas curtas dirixidas á parte posterior. Os espiráculos anteriores (espiráculos protorácicos) acaban en punta roma e non son alongados. Cada un ten polo menos tres aberturas ou ata máis de 50 dispostas transversalmente nun, dous ou tres grupos ou irregularmente. Cada espiráculo posterior (espiráculo anal) carece dun peritrema claramente definido e cada un ten tres aberturas espiraculares (en larvas maduras). Estes son xeralmente máis ou menos horizontais, paralelos e normalmente levan pelos espiraculares ramificados en catro penachos.[2][3]
As larvas de case todos os tefrítidos son fitófagas. As femias depositan ovos sobre tecidos de plantas vivos e sans utilizando os seus ovipositores telescópicos. Neses tecidos as larvas atoparán alimento cando emerxan. As larvas desenvólvense nas follas, talos, flores, sementes, froitos e raíces da planta hóspede, dependendo da especie. Algunhas especies forman bugallos. Unha excepción ao estilo de vida fitófago típico é a especie Euphranta toxoneura (Loew), cuxas larvas se desenvolven en bugallos formados por himenópteros Symphyta. Os adultos ás veces teñen unha duración da vida moi curta. Algúns viven menos dunha semena. Algunhas especies son monófagas (aliméntanse só dunha especie de planta), outras son polífagas (aliméntanse de varias plantas, xeralmente de grupos relacionados).
A ecoloxía do comportamento das moscas da froita tefrítidas ten moito interese para os biólogos. Algunhas moscas da froita teñen rituais de apareamento longos ou comportamentos territoriais. Moitos son de cores brillantes e rechamantes visualmente. Algúns Tephritidae presentan mimetismo batesiano, e teñen as mesmas cores e marcas ca outros artrópodos perigosos, como as avespas ou as arañas Salticidae (saltadoras), porque axuda á mosca da froita a evitar ser depredada, aínda que a mosca carece dos ferretes que teñen algunhas das especies que imitan.
Os Tephritidae adultos atópanse a miúdo sobre as plantas hóspede e aliméntanse de pole, néctar, restos de plantras podres ou secrecións de insectos.
Os seus inimigos naturais son principalmente os Diapriidae e Braconidae.
As moscas da froita tefrítidas teñen unha grande importancia económica[4] en agricultura. Algúns dos seus efectos son negativos e outros positivos. Varias especies causan danos en froitos e outras colleitas de plantas. A Ceratitis capitata (mosca da froita mediterránea) ataca colleitas de froitas, xa que pon os seus ovos na froita. O xénero Bactrocera é importante en todo o mundo polo seu impacto destrutivo na agricultura. A mosca da froita da oliveira (B. oleae), por exemplo, aliméntase só dunha planta: os froitos da oliveira silvestre ou cultivada, Olea europaea. Ten a capacidade de estragar o 100% dunha colleita de olivas ao danar os froitos. Outra praga é Euleia heraclei, que ataca o apio (Apium graveolens) e a charouvía (Pastinaca sativa). O xénero Anastrepha inclúe varias pragas importantes como A. grandis, A.ludens, A. obliqua e A. suspensa. Outras pragas son Strauzia longipennis, que ataca aos xirasoles e Rhagoletis mendax, que afecta aos arandos azuis.
Por outra parte, algúns Tephritidae utilízanse como axentes de control biolóxico, para reducir as poboacións das especies que producen pragas, como as de certas malas herbas. Varias especies do xénero Urophora utilízanse como axente de control contra malas herbas que destrúen pasteiros, como as Centaurea, pero a súa efectividade é cuestionable.[5] A especie Urophora sirunaseva produce larvas que fan as pupas en bugallas leñosas nas flores da planta nociva e afectan á súa produción de sementes.[6] Chaetorellia acrolophi é outro axente de biocontrol efectivo contra plantas Centaurea. Chaetorellia australis e Chaetorellia succinea, depositan os seus ovos sobre as Centaurea, e as larvas consomen as sementes da planta e os ovarios das flores.[7]
Dado que existen tefrítidos economicamente importantes en todo o mundo, hai tamén unha ampla rede de investigadores, varios simposios internacionais, e intensas actividades sobre diversos aspectos destas moscas, desde a súa ecoloxía ata a súa bioloxía molecular (ver Tephritid Workers Database).
As técnicas de xestión de pragas aplicadas aos tefrítidos inclúen a liberación de moscas estériles.
Os Tephritidae agrúpanse en varias subfamilias:[8]
Os xéneros Oxyphora, Pseudorellia e Stylia, comprenden 32 especies, e non se inclúen en subfamilias (incertae sedis).
Ver tamén as ligazóns externas para guías detalladas.
Traballos máis antigos pero aínda útiles:
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Tefrítidos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Tefrítidos |