As tenascinas son glicoproteínas da matriz extracelular. Son abondosas na matriz extracelular de embrións de vertebrados en desenvolvemento e reaparecen arredor de feridas en curación e no estroma dalgúns tumores.
Hai catro membros da familia xénica da tenascina, que son: tenascina C, tenascina R, tenascina X e tenascina W.
A súa estrutura básica está formada por 14 repeticións de tipo EGF situados cara ao extremo N-terminal, e 8 ou máis dominios de fibronectina-III, que varían coas especies e variantes.
A tenascina C é o membro máis intensamente estudado da familia. Ten propiedades antiadhesivas, que causan que as células en cultivo cellar se fagan arredondadas cando esta proteína se engade ao medio. Un mecanismo para explicar isto pode deberse a esta capacidade de unirse á glicoproteína fibronectina da matriz extracelular e bloquear as interaccións da fibronectina con sindecanos específicos. A expresión de tenascina C no estroma de certos tumores está asociada cun mal prognóstico na enfermidade.