Teresa Abelleira | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Teresa Abelleira Dueñas | ||
Nacemento | 9 de xaneiro de 2000 | ||
Lugar de nacemento | Pontevedra | ||
Altura | 1,59 m[1] | ||
Peso | 60 kg | ||
Posición | Centrocampista | ||
Información de club | |||
Club actual | Real Madrid | ||
Número | 16 | ||
Carreira xuvenil | |||
–2016 | CD Lérez | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2016–2020 | Deportivo da Coruña | 47 | (27) |
2020– | Real Madrid | 80 | (8) |
Selección nacional | |||
2017-2019 | España sub-19 | 7 | (0) |
2017–2018 | España sub-17 | 17 | (3) |
2020– | España | 21 | (2) |
2016– | Galicia | 1 | (0) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 20 de agosto de 2023. Selección: actualizado a 20 de agosto de 2023.[ editar datos en Wikidata ] | |||
Teresa Abelleira Dueñas, nada en Pontevedra o 9 de xaneiro de 2000[2], é unha futbolista galega, que xoga de centrocampista no Real Madrid. Internacional coa selección española dende 2020, proclamouse con esta campioa da Copa do Mundo en 2023 e da Liga das Nacións da UEFA en 2024. Disputou ademais a Eurocopa de 2022 e os Xogos Olímpicos de 2024.
Naceu nunha familia fortemente vencellada ao fútbol, filla do adestrador Milo Abelleira e irmá menor do tamén futbolista Tomás Abelleira.[3] Na súa etapa de cadete compaxinaba o fútbol sala, ao que xogaba no Poio Pescamar, coas categorías inferiores do CD Lérez.
En 2016, e trala fundación da sección feminina do Deportivo Abanca, abandona a súa Pontevedra natal para unirse ás filas deste equipo na segunda división feminina. Foi, xunto con Raquel Béjar, a primeira licenza profesional do fútbol feminino en Galicia.[2] Xogou catro tempadas no club branquiazul, logrando na terceira delas o ascenso á Primeira División, e obtendo un cuarto posto na súa primeira tempada na máxima categoría, na que marcou dous goles. A continuación, a mediados de 2020, deixou o Deportivo para fichar polo Real Madrid Feminino, equipo acabado de crear tras un acordo do Real Madrid co Club Deportivo TACON.[4][5] Co Real Madrid marcou 3 goles na tempada 2020/21 e 5 na 2022/23.[6]
O 27 de novembro de 2020 debutou coa selección española absoluta na vitoria por 10-0 fronte a Moldavia, correspondente á fase de clasificación para a Eurocopa de 2022, substituíndo a Aitana Bonmatí no segundo tempo.[7] O seu primeiro partido como titular foi o 13 de abril de 2021 na vitoria por 3-0 fronte a México. En 2022 disputou a Eurocopa en Inglaterra, caendo nos oitavos de final contra a selección anfitrioa.[8]
O 30 de xuño de 2023 foi incluída na lista definitiva do seleccionador Jorge Vilda para a Copa do Mundo de 2023, disputada en Australia e Nova Zelandia.[9] Foi titular en tódolos partidos do torneo e marcou un gol no segundo partido da primeira fase, na goleada por 5-0 sobre Zambia, cun espectacular disparo dende fóra da área.[10] Nas semifinais contra Suecia, un córner sacado por ela foi rematado á portería pola súa compañeira Olga Carmona e serviu para clasificar a España para a primeira final da súa historia.[11] Xogou completa a final, celebrada no Stadium Australia de Sydney, onde o conxunto español gañou o título ao vencer por 1-0 a Inglaterra.[12] Foi a cuarta futbolista da selección española con máis minutos no Mundial (535) e a que máis recuperacións de balón conseguiu (55).[13]
En 2024 participou nos partidos de clasificación para a Eurocopa, e no último deles visitou o seu antigo estadio, Riazor, para enfrontarse a Bélxica, anotando un espectacular gol dende preto do centro do campo.[14] A continuación foi unha das 22 mulleres seleccionadas por Montse Tomé para a primeira participación da selección española feminina nuns Xogos Olímpicos. Disputou os seis partidos do combinado español no torneo, sendo titular en catro deles. O equipo acadou as semifinais, onde caeu ante o Brasil por 4-2, e perdeu tamén no encontro pola medalla de bronce contra Alemaña (1-0).[15]
É filla do adestrador de fútbol Milo Abelleira e irmá do futbolista Tomás Abelleira.[19]
A súa moza[20] é Patricia Curbelo, porteira de fútbol e xogadora do Viaxes Interrías de Vilalonga.