Co termo tergo (en latín científico tergum, plural terga) desígnase, nos artrópodos, a parte dorsal do exoesqueleto de cada unha das rexións do seu corpo que seguen á cabeza. Nelas, a cutícula está endurecida (esclerito).[1][2]
O tergo adoita dividirse en varios segmentos, correspondentes a cada un dos seus metámeros, denominadas terxitos.[1][2] Así, por exemplo, nun segmento torácico, o tergo dos insectos pode dividirse nun noto anterior e un escutelo posterior. As expansións laterais dun terxito coñécense como paranota ou carinae.
O seu extremo anterior chámase 'base' e o seu bordo posterior, 'ápice' ou 'marxe'.[1]
A porción ventral dun segmento denomínase esterno.
O termo zoolóxico deriva do latín tergum, -i, "costas" (do home); "costas", "dorso" (dun animal).