En xeoloxía, un terreo (ou terreo tecnoestratrigráfico) é un fragmento de codia terrestre formado nunha placa tectónica (ou fragmentado dela) e acrecionado ("suturado") á codia, quedando unido a outra placa. Por tanto, un terreo fórmase por un proceso tectónico, cando un fragmento de placa litosférica, de natureza continental ou oceánica, se afasta do seu lugar de xénese e únese logo a outro conxunto xeolóxico por acreción. O termo procede do inglés terrane,[1][2] termo que se usa así ás veces[3] e tamén se lle ten chamado na literatura terrano e litosferoclasto. O bloque da codia ou os fragmentos preservan a súa propia historia xeolóxica peculiar, a cal é diferente da das áreas circundantes (de aí os termos terreo "exótico" ou "suposto"). A zona de sutura entre un terreo e a codia á cal está unido é normalmente identificable como unha falla xeolóxica.
Cando os terreos están compostos de repetidos eventos acrecionais, isto é, están compostos de subunidades con historias e estruturas distintas, poden denominarse superterreos (superterranes).[4]
Un terreo non é necesariamente unha microplaca orixinalmente independente, dado que pode que non conteña a totalidade do grosor da litosfera. É unha porción de codia que foi transportada lateralmente, normalmente como parte dunha placa maior, e é relativamente flotante debido ao grosor ou baixa densidade. Cando a placa da cal formaba parte foi subducida baixo a outra placa o terreo en cuestión non sufriu esa subución, separándose da súa placa "transportadora", e foi acrecionado á placa supraxacente. Por tanto, o terreo transferiuse dunha placa á outra. Tipicamente, os terreos en acreción son porcións de codia continental que se afastaron doutra masa continental debido a un rift e foron transportados rodeadas por codia oceânica, ou poden ser antigos arcos volcánicos formados nalgunha zona de subdución distante.
O concepto de "terreo" (terrane) desenvolveuse a partir dos estudos feitos na década de 1970 da complicada marxe oroxénica da Cordilleira do Pacífico de América do Norte, un complexo e diverso potpourri xeolóxico que era difícil de explicar ata que a nova ciencia da tectónica de placas mostrou a capacidade que tiñan fragmentos de codia de "vagaren" á deriva millares de quilómetros desde a súa orixe e acabaren colidindo e comprimíndose contra unha costa exótica. Tales terreos denomináronse inicialmente "terreos acrecionados".
"Logo foi determinado que estas exóticas franxas de codia foran, de feito, orixinadas como "terreos supostos" en rexións a distancias considerables, frecuentemente millares de quilómetros, do cinto oroxénico onde finalmente acabaron. En consecuencia, o actual cinto oroxénico era unha colaxe acrecionaria, composta de numerosos terreos derivados da rexión circumpacífica e agora suturados ao longo de grandes fallas. Estes conceptos aplicáronse rapidamente a outros cintos oroxénicos máis antigos, por exemplo o cinto dos Apalaches de América do Norte.... Apoios á nova hipótese chegaron non só de estudos estruturais e litolóxicos, mais tamén de estudos de biodiversidade faunística e palaeomagnetismo." (Traducido de Carney et al.[5])
Un terreo ten unha dimensión rexional e para recoñecelo no campo débese mostrar que o conxunto xeolóxico deste suposto terreo ten unha historia xeolóxica distinta das historias xeolóxicas das rexións, bloques ou placas veciñas sen que estas diferenzas se poidan explicar por simples cambios laterais de facies ou dunha estrutura xeolóxica maior. Tamén se deben recoñecer as fallas que limitan este bloque. Para conseguir iso compárase a litoloxía e a estratigrafía do suposto terreo coas das zonas veciñas (por exemplo turbiditas dun lado do límite e sedimentos continentais do outro lado, sendo ambos contemporáneos), búscase mostrar que as asociacións faunísticas do suposto terreo son incompatibles en canto a ambiente, facies ou paleoecosistema (por exemplo unha fauna tropical cálida a carón dunha fauna de clima frío, sendo ambas contemporáneas). Tamén se comparan os eventos magmáticos e metamórficos de ambos os lados dos límites, os cales deberían ter ambientes xeodinámicos de formación moi diferentes e incompatibles coa situación de proximidade actual. O estilo das deformacións tectónicas contemporáneas de ambos os lados dos límites serve tamén de criterio (por exemplo, unha xistosidade de idade cretácea dun lado e estruturas distensivas da mesma idade do outro).
O paleomagnetismo é un dos métodos xeofísicos utilizados para diferenciar terreos, xa que permite recoñecer as paleolatitudes dun terreo específico e comparalas coas paleolatitudes da placa á cal se agregou. Este método permite tamén recoñecer a magnitude e velocidade dos desprazamentos relativos entre terreos e placas.
↑Torres, Helton Heleri F.; Sial, A. N.; Santos, E. J.; Silva filho, M. A. Nd-Sr isotopic composition of microgranular enclaves of the Brejinho Batholith, Alto Pajeú Terrane, Borborema Province, NE Brazil. In: South American Symposium on Isotope Geology, 4.,24-27 ago., 2003, Salvador, BA. Short Papers.Salvador, BA: CBPM; IRD, 2003. 789p., p.695-697.
↑ 13,013,113,2Hild, Martha; Barr, Sandra (2015). Geology of Nova Scotia. Portugal Cove: Boulder Publications. p. 18. ISBN9781927099438.
↑ 14,014,114,214,3Miller, Brent (1997). Geology, Geochronology, and Tectonic Significance of the Blair River Inlier, Northern Cape Breton Island, Nova Scotia. Halifax: Dalhousie University. p. 260.