The Last Poets é un grupo norteamericano de músicos e poetas nacido a finais da década de 1960 en Nova York (EUA) moi vencellados ao movemento nacionalista negro. O seu nome foi tomado dun poema de Keorapetse Kgositsile, poeta revolucionario surafricano que acreditaba estar na última era da poesía antes de que as armas tomasen o poder.
O grupo é habitualmente considerado como un dos máis importantes precedentes ou influencias no nacemento do hip hop, pola súa combinación de spoken word e ritmos básicos de percusión. Como sostén o crítico Jason Ankeny: Cos seus "raps" cargados de contido político, os seus tensos ritmos e dedicación ao despertar da conciencia afro-americana, os Last Poets, case sen axuda, colocaron os alicerces para o nacemento do hip hop (With their politically charged raps, taut rhythms, and dedication to raising African-American consciousness, the Last Poets almost single-handedly laid the groundwork for the emergence of hip-hop)[1].
A historia do grupo comeza a finais da década de 1960. Foi no cárcere onde Jalal Mansur Nuriddin, quen escollera ir a prisión antes que ir á guerra do Vietnam, se converteu ao islam e entrou en contacto con Umar Bin Hassam e Abiodun Oyewole, xuntos comezaron a practicar o spiel (unha forma arcáica de rap). Este trío, xunto co percusionista Nilaja, adoita ser considerado como o núcleo central que compuxo a banda (tal e como aparecen no primeiro álbum gravado da banda, o epónimo The Last Poets de 1970).
Ao saíren do cárcere uníronse ao obradoiro de poesía East Wind e comezan a representar a súa mestura de spiel e acompañamento musical nas rúas do barrio neoiorquino de Harlem. A data oficial de formación dos Last Poets foi finalmente o 19 de maio de 1968 (coincidindo co día de nacemento de Malcolm X) no Parque Marcus Garvey). Os membros orixinais que fundaron oficialmente a banda en 1968 foron Felipe Luciano, Gylan Kain e David Nelson, estes tres poetas reivindicáronse máis tarde como os membros orixinais gravando separadamente como The Original Last Poets. O seu principal éxito veu principalmente ao realizar a banda sonora do filme Right On! de 1971, aínda como The Last Poets. Ao pouco estes tres membros orixinais foron abandonando o grupo e sendo substituídos polo trío que gravou finalmente o seu primeiro álbum.
Tendo acadado grande éxito co seu álbum de debut chegando ao top-ten das listas, os Poets gravan o seu segundo álbum This Is Madness sen Abiodun Oyewole, naquel momento en prisión, cuns textos aínda máis comprometidos politicamente e que tivo como consecuencia que foran incluídos no programa de contraintelixencia creado polo daquela presidente dos Estados Unidos, Richard Nixon. Hassan deixou a banda logo deste álbum, sendo substituído por Sulaiman El-Hadi. O seu seguinte álbum Chastisement (1972), mestura un acompañamento musical asentado no jazz e no funk coa súa poesía, nun estilo que se veu en chamar jazzoetry.
Os finais da década de 1970 significaron unha caída na súa popularidade da que só se comezaron a recuperar durante a década de 1980 coa reivindicación que a escena do hip hop comezou a facer deles e que se estendeu xa nos anos 90. Grazas a esta reivindicación os seus vellos discos revalorizáronse e publicaron novas gravacións (ver apartado de discografía máis adiante). Entre as colaboracións con outros artistas destes anos destaca a súa contribución ao segundo álbum da banda británica de post punk The Pop Group, For How Much Longer Do We Tolerate Mass Murder? de 1980.
Máis recentemente colaboraron co rapeiro Common no single producido por Kanye West, The Corner (incluído no álbum Be de 2005), así como na canción The Final Call incluída no disco de Black Market Militia (do colectivo Wu-Tang-Clan) e en dous temas do álbum Untitled de Nas.
Jalal Mansur Nuriddin tamén apareceu colaborando co poeta británico Mark T. Watson (tamén coñecido como Malik Al Nasir) no seu primeiro poemario Ordinary Guy (2004). O prefacio a este libro, escrito en verso por Nuriddin, foi gravado e apareceu no álbum dedicado á nova xeración de poetas e rapeiros da Costa Leste dos Estados Unidos Rhythms of the Diaspora Vol. 2 (2008).