O Thema Anatólico (en grego Άνατολικόν [θέμα] Anatolikón [théma]), tamén coñecido como Thema dos Anatólicos (θέμα Άνατολικῶν; thema Anatolikōn), foi un thema (provincia militar-civil) do Imperio Bizantino, na rexión central da Asia Menor (actual Turquía). Abrigou o exército bizantino do Oriente que quedaba tras os reveses provocados pola expansión islámica, vindo a tornarse, a partir da separación do thema Opsiciano c. 750, no máis importante thema imperial. Foi sede de importantes xenerais como o futuro emperador León III, o Isauro (r. 717–741) e Bardanes, o Turco, así como serviu de abrigo para Constantino V Coprónimo (r. 741–775). Existiu até o século XI, cando é conquistado polos invasores turcos selxúcidas.
A data exacta da creación do thema é descoñecida. Xuntamente con outros themas máis antigos, foi creado nalgún momento tras a década de 640 como unha área de campamento militar para o que restaba do exército bizantino, decimado polas conquistas árabes. O Thema Anatólico recibiu o seu nome do exército da Diocese do Oriente (en grego Άνατολῆ Anatolē) [1][2] debido á súa localización ao leste. A mención máis antiga do thema é de 669, mais o nome de Exército Oriental (Exercitus Orientalis) só xorde nas fontes históricas en 687.[3][4]
Directamente dirixido cara ás forzas do Califato durante o primeiro século da súa existencia, e beneficiando do seu apoio aos emperadores isauros, o Thema Anatólico era o máis poderoso e máis prestixioso dos themas (ver abaixo). O seu poder era enorme, porén tamén significaba que era unha eventual ameaza para o emperador: a primeira revolta rexístrase en 681 e en 714 o seu comandante, León, o Isauro, conseguiu establecerse como emperador (León III). Outro estratego, Bardanes, o Turco, rebelouse en 803. Por outro lado, en 742, o emperador Constantino V Coprónimo (r. 741–775) encontrou refuxio e apoio no Thema Anatólico contra o usurpador Artabasdo (r. 741–742). A última aparición do Thema Anatólico nas fontes históricas é en 1077, cando o estratego Nicéforo Botaniates se proclamou emperador (como Nicéforo III)[5]. Pronto despois, a rexión foi invadida polos turcos selxúcidas.
Na súa extensión "clásica", durante os séculos VIII e IX, o thema abranguía as antigas rexións da Licaonia, Pisidia, Isauria, así como a maior parte de Frixia e partes da Galacia Salutar[6][7]. Inicialmente, o thema Anatólico estendíase até aos límites oeste e sur da Asia Menor, pero aproximadamente en 720 foi dividido para formar os themas Tracesiano e Cibirreota[8]. Segundo o emperador Teófilo (r. 829–842), as partes leste e sueste, fronte á zona de fronteira árabe e incluíndo as fortalezas que gardaban a entrada norte das chamadas Portas Cilicias, foron retirados ao thema para formar dous novos distritos fronteirizos (clisura): o de Capadocia (orixinalmente unha turma dos Anatólicos) e o de Seleucia[9]. O emperador León VI, o Sabio (r. 886–912) entregou a rexión oeste do lago Tuz (os bandos de Eudocia, Santo Agapeto e Afrazeia) á Capadocia.
A capital do thema foi Amorio, na Frixia, polo menos até ser saqueada polos árabes en 838[5][10]. Despois diso, probabelmente a capital foi trasladada para a fortaleza veciña de Políboto, na actual provincia turca de Afyonkarahisar. As estruturas urbanas da Antigüidade tardía sufriron considerabelmente cos ataques árabes e co declive da urbanización, mais moitas das cidades do interior do thema, na Frixia e na Pisidia, sobreviviron nunha forma reducida. As cidades orientais da rexión da Capadocia (antiga provincia da Capadocia Secunda), que facían fronteira co califato, foron practicamente destruídas, acontecendo o mesmo con Antioquía de Pisidia
Segundo os xeógrafos árabes Qudama ibn Ja'far e Ibn al-Faqīh, o Thema Anatólico, "a maior das provincias dos romanos", tiña 15000 soldados e 34 fortalezas no século IX. O thema e o seu gobernador e estratego, mencionados por primeira vez en 690, ocupaban o lugar máis alto da xerarquía entre os themas e os seus gobernadores. O estratego dos Anatólicos era un dos poucos cargos que estaban especialmente prohibidos aos eunucos da corte imperial. Os detentores do cargo recibían un salario anual de 40 libras de ouro e eran detentores dos títulos de antípato e protoespatario, os máis elevados entre os patricios. Alén diso, foron os únicos que foron nomeados monoestratego (literalmente: "único xeneral"), ou sexa, comandante supremo de todos os themas asiáticos[11][12].