Thiomargarita magnifica | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||
|
Thiomargarita magnifica é unha especie de gammaproteobacteria filamentosa oxidadora de xofre que crece baixo a auga sobre follas desprendidas de mangleiro vermello no arquipélago de Guadalupe nas Antillas menores.[2] É a bacteria máis grande coñecida, cunha lonxitude media de 10 milímetros e algúns individuos acadan os 20 mm.[3] A bacteria describiuse nunha prepublicación aparecida en febreiro de 2022.[4] Foi descuberta orixinalmente a principios da década de 2010 por Olivier Gros da Universidade das Antillas Francesas en Pointe-à-Pitre, mais inicialmente non conseguiu atraer moita atención (Gros naquel momento pensaba que era un fungo[5]). Gros e outros investigadores tardaron cinco anos en descubrir que era unha bacteria e pasaron uns poucos anos máis ata que Jean-Marie Volland, un estudante graduado que traballaba con Gros, decatouse das súas propiedades pouco comúns.[3]
Thiomargarita significa "perla do xofre", debido á aparencia das súas células, as cales conteñen gránulos de xofre microscópicos que dispersan a luz incidente, dándolle á célula un brillo de perla. Existe outra especie deste xénero atopada en África, Thiomargarita namibiensis. O nome específico magnifica foi elixido pola investigadora que a identificou como bacteria, Silvina González Rizzo.[6]
O descubrimento desta bacteria é importante, non só polo gran tamaño que ten, visible a simple vista, senón porque difumina os límites entre as células procariota e eucariota, porque tgen algo parecido a un núcleo celular. Os procariotas son organismos unicelulares primitivos que carecen de núcleo que rodee o seu ADN, o cal caracteriza os eucariotas. Pero T. magnifica, aínda sendo unha bacteria e, por tanto, procariota, ten uns sacos de membrana que encapsulan o seu ADN.[1]
O metabolismo das bacterias só pode funcionar por medio da difusión de moléculas de nutrientes e de refugallos cara ao interior e exterior da célula e isto establece un límite superior ao tamaño destes organismos. A gran bacteria do xofre T. namibiensis, descuberta en 1999 en África, supera este límite ao incluír un gran saco cheo de auga e nitratos. Este saco empurra o contido da célula contra a parede celular para que a difusión poida funcionar; os procesos vitais ocorren só "ao longo do bordo" da célula. No caso da célula de T. magnifica, esta inclúe un vacúolo similar[3] que ocupa a maior parte da célula (65–80% do volume) e empurra o citoplasma contra a periferia da célula (o grosor do citoplasma varía de 1,8 a 4,8 microns).[4]
Outro saco ou compartimento do interior deste organismo contén o seu ADN. Os investigadores chamáronlle a estes compartimentos "pépins" (pebidas en francés). Esta estrutura é moi diferente da do ADN que flota libremente no centro das células bacterianas (formando a rexión chamada nucleoide).[7]
Malia o seu tamaño bastante grande, o exterior da célula carece de bacterias epibióticas que vivan sobre ela. A súa "sorprendente ausencia" pode explicarse porque T. magnifica posiblemente produce compostos químicos biooxicamente activos ou mesmo con propiedades antibióticas.[4]