Thrymsa anglosaxoa (ca. 650-675 ) | |
---|---|
Thrymna. AU. Peso 1,27 g. Diámetro: 12,5 mm.[1] |
A thrymsa (inglés antigo: þrymsa) foi unha moeda de ouro cuñada na Inglaterra anglosaxoa no século VII.[2][3]
Na súa orixe era unha copia dos tremissis dos merovinxios e das moedas romanas anteriores cun alto contido de ouro, mais a súa continua degradación entre os anos 630 e 650 reduciu o contido en ouro da súa aliaxe ata o punto de que despois de 655 a porcentaxe deste metal era inferior ao 35 %. A thrymsa deixou de cuñarse cara ao ano 675 e poi substituída pola sceat de prata.
As primeiras thrymsas cuñáronse en Inglaterra na década de 630 nas cecas de Canterbury e de Londres, e quizais tamén na de Winchester. Charles Arnold-Baker suxire que o impulso para a creación desta moeda foi o aumento do comercio logo do matrimonio entre Aethelberht de Kent e Berta, unha filla do rei franco Cariberto I.[4]
Esta moeda contiña orixinariamente entre un 40 % e un 70 % de ouro, mais a progresiva degradación da aliaxe fixo que os exemplares cuñados con posterioridade a 655 non superasen o 35 % deste metal. As moedas de ouro deixaron de cuñarse por completo cara ao ano 675, tras o cal comezaron a cuñarse no canto delas as sceattas de prata..[5]
O termo "thrymsa" utilízase tamén nos textos anglosaxóns posteriores para se refereir a un valor de catro peniques de prata.[6]
Os numismáticos actuais coñecen as thrymsas a partir de achados de varios tesouros, sinaladamente o tesouro de Crondall, atopado en 1828.[7] Nun buque afundido en Sutton Hoo, que data de principios do século VII, atopáronse 37 tremissis merovinxios, mais ningunha moeda anglosaxoa.[8] Pola contra, o tesouro de Crondall, datado despois do ano 630, contiña 101 moedas de ouro, das cales 69 eran anglosaxoas e 24 merovinxias ou francas.[9]
As primeiras thrymsas eran imitacións dos tremissis merovinxiosou de moedas de ouro romanas anteriores.[5] Pesaban entre 1 e 3 gramos e tiñan un diámetro aproximado de 13 milímetros.[10]
No entanto, as thrymsas posteriores presentaban xa deseños máis variados, con bustos, cruces e outros obxectos como liras e estandartes lexionarios romanos. Tamén é habitual a aparición de inscricións, que ás veces se amosan en lingua latina e outras en runas anglosaxoas.[5]