Tifis

Tifis e Argos construíndo a nave, baixo a dirección de Atenea (relevo romano, c. s. I, Museo Británico)

Na mitoloxía grega, Tifis foi o temoneiro que gobernaba o Argo, a nave na que se embarcaron os argonautas para tomar o vélaro de ouro. Era fillo de Hagnias [1], se ben outros autores fano fillo de Forbante e Hirmine [2] ou de Tife (ou Sife). Pausanias escribiu que había unha pequena cidade chamada Tifa (ou Sifas), na Beocia, da que procedía Tifis; os habitantes facían gala de ser os mellores navegantes da rexión [3].

Coñecía abondo os ventos e o movemento dos astros, habilidades que lle proporcionara Atenea, se ben non participou nunca nas batallas desenvolvidas en terra firme polos seus compañeiros os argonautas. Grazas a un cunco máxico que lle regalara Medea, e que a ela llo dera Tritón, soubo o camiño a seguir para saír do lago Tritonis, en Libia, e volver ó mar.

Tifis morreu dunha enfermidade súbita estando os argonautas no palacio do rei Lico, no país dos mariandinos, na beira sur do Ponto Euxino (denominación clásica do Mar Negro), e foi substituído como temoneiro do Argo por Anceo, fillo de Poseidón, que continuou a viaxe ata a Cólquida [4].

"Tifis pereceu dunha enfermidade no país dos mariandinos, na Propóntide, xunto ó rei Lico. No seu lugar, Anceo, fillo de Neptuno, gobernou a nave ata a Cólquide".
(Hixino: Fábulas 14, 26)
  1. Pseudo-Apolodoro I, 9, 16; Grimal, s.v. Tifis.
  2. Hixino: Fábulas 14, 9.
  3. Pausanias: Geografía de Grecia IX, 32, 4.
  4. Hixino 18, 1; Pseudo-Apolodoro I, 9, 23.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]